O Concello de Ponteceso continúa reforzando a súa aposta polas políticas sociais coa posta en marcha da súa cuarta Casa do Maior, situada na parroquia de Corme. Esta nova incorporación permitirá sumar cinco prazas de atención diúrna gratuíta para persoas maiores de 60 anos, consolidando o municipio como un dos referentes da comarca en recursos de atención e coidado ás persoas maiores.
O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, destacou que esta iniciativa responde ao compromiso do seu goberno co benestar da veciñanza de máis idade. «Para nós, os maiores son unha absoluta prioridade. As Casas do Maior son unha parte crucial do noso programa político e, desde que chegamos ao goberno, aumentamos de cinco a vinte as prazas e logramos crear unha Casa do Maior por ano», sinalou.
A nova Casa do Maior logrou unha subvención de 53.429,68 euros da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitariaepermitirá habilitar cinco novas prazas en Corme, ampliando a oferta municipal de atención e favorecendo que as persoas maiores poidan permanecer na súa contorna habitual con atención profesional e personalizada.
As Casas do Maior son servizos gratuítos de atención diúrna destinados a persoas maiores de 60 anos e funcionan de xeito similar aos centros de día, cun máximo de cinco prazas por centro para garantir unha atención próxima e individualizada.
A evolución deste servizo en Ponteceso evidencia a aposta municipal por ampliar os recursos sociais. A principios de 2025 inaugurouse a segunda Casa do Maior, no Couto, e en xaneiro de 2026 púxose en marcha a de A Campara. Agora, coa nova instalación de Corme, o municipio continúa avanzando na ampliación da rede de atención ás persoas maiores.
O alcalde quixo agradecer especialmente a implicación da conselleira de Política Social, Fabiola García, e a do director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, polo seu apoio ao Concello de Ponteceso e pola súa colaboración no impulso de novas prazas. “Queremos agradecerlles a súa implicación e por ensinarnos o camiño para seguir aumentando estes recursos”, apuntou.
Mato tamén expresou o seu agradecemento ao Arcebispado pola cesión da antiga casa do cura, que se destinará a este novo espazo de atención ás persoas maiores. Así mesmo, destacou de maneira especial a contribución dos párrocos José Manuel e Don Manuel, cuxo apoio foi fundamental para facer posible esta cesión.
