44 equipos de 25 clubs acudirán este sábado en Carballo á 11ª edición do Día do Pequebasket

2 minutes read

Na presentación que se levou a cabo no patio interior do Museo de Bergantiños estiveron presentes por parte do Concello de Carballo, o seu alcalde Evencio Ferrero e o Concelleiro de Deportes, Daniel Pérez; por parte da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, estivo presente Roberto García, Xefe de Servicio Provincial, e finalmente representando á Escola Basket Xiria, Arturo Ferraces, Director Deportivo do Club e o seu Presidente, Primitivo X. Reguera.

Dende Basket Xiria o seu presidente, Primitivo X. Reguera agradeceu á Concellería de Deportes e ó Concello de Carballo a súa implicación nun proxecto único en Galicia, que leva o nome do Club e da nosa vila por toda Galicia, traspasando fronteiras e sendo un referente en gran parte do estado. Tamén agradeceu á Xunta de Galicia a súa implicación, este ano a través da Secretaria Xeral para o Deporte, esperando poder continuar no futuro esta colaboración nun evento de deporte base para nenas e nenos de 5 a 8 anos, que sempre se mantivo fiel á data do 17 de maio, Día das Letras Galegas.

Xa Arturo Ferraces destacou a boa previsión meteorolóxica (tras varios anos de choiva) e o carácter familiar do evento, que une a preto de 500 participantes coas súas familias, para vir todos xuntos a Carballo no DIA do PEQUEBASKET. Tamén destacou que este evento tras once edicións, é un referente, que incluso pode presumir que algúns do seus participantes, coma xogadores, hoxe en dia volve sendo adestradores dos seus equipos.

Roberto García, en nome da Secretaría Xeral para o Deporte, agradeceu a invitación e o volver ó Concello de Carballo, do que destacou a colaboración no deporte que sempre manteñen ambas institucións. Salientou o carácter e idade dos participantes no DIA do PEQUEBASKET, facendo fincapé que coincide cos do programa Xogade, eixo central das inversión da Xunta de Galicia en materia deportiva. Felicitou a toda a “familia” de Basket Xiria, nais/pais, xogadores, adestradores e directiva, polo esforzo e implicación na organización deste evento do deporte base Galego, por e para os mais cativos.

Xa para pechar o acto, o Alcalde Evencio Ferrero, destacou que o DIA do PEQUEBASKET xunta nun mesmo acto: ocio, deporte, cultura e turismo, unha unión que fai único este evento e marca a diferencia de outros. Destacou o  gran traballo de Basket Xiria, para atraer o sábado 17  de maio a Carballo preto de 500 deportistas, que virán a xogar ó Baloncesto, facer deporte e desfrutar dun día inesquecible.