O Concello recoñece a histórica temporada 2025-2026 do Club Salvamento Acuático Laracha

3 minutes read

O Club Salvamento Acuático da Laracha (SAL) foi recibido hoxe oficialmente na Casa da Cultura nun acto convocado para recoñecer desde o Concello os resultados acadados durante a temporada 2025-2026 e o traballo continuado dunha entidade consolidada entre as referencias deportivas do municipio e do salvamento e socorrismo galego.

O alcalde, José Manuel López Varela, encabezou o acto, no que trasladou os seus parabéns aos deportistas, adestradores, directiva e familias polo esforzo e a dedicación que están detrás dos éxitos da entidade. Durante a recepción, repasou os principais resultados colectivos e individuais da temporada e puxo en valor a evolución dun proxecto deportivo que combina a competición de alto nivel coa formación de base.

“Ano tras ano traedes medallas, récords e títulos galegos e nacionais. Non sei onde está o límite deste club, e alégrome de que vós non teñades intención de atopalo”, sinalou o alcalde, destacando a continuidade dos bos resultados e a capacidade do SAL para seguir medrando. O rexedor mostrouse “satisfeito pola colaboración municipal co club mediante subvencións económicas e a dispoñibilidade de instalacións de alta calidade como a piscina”.

No ámbito colectivo, o SAL proclamouse campión galego infantil por clubs en piscina e campión galego por clubs nas categorías infantil e cadete en praia. A nivel estatal, conquistou o título de campión da segunda división da Liga Española de Clubs na categoría absoluta e acadou o terceiro posto entre os clubs infantís no Campionato de España de Praia celebrado en Laredo, onde tamén foi o mellor equipo infantil feminino.

O balance deportivo complétase con 22 medallas nos Campionatos de España (seis de ouro, cinco de prata e once de bronce) e catro novos récords galegos. Ademais, 31 deportistas representaron ao club nas competicións estatais e a entidade supera as 80 licenzas federativas, cifras que evidencian o alcance do seu traballo deportivo e a importancia da canteira.

A recepción serviu tamén para recoñecer as actuacións individuais máis destacadas. Iria Barreiro proclamouse campioa de España júnior en sprint de praia, bandeiras e rescate con táboa, mentres que Noelia Loureiro acadou o título estatal absoluto nos 100 metros supersocorrista. Tamén conseguiron títulos nacionais as integrantes das remudas femininas infantís de natación con aletas e sprint de praia.

Outro dos indicadores do nivel competitivo do SAL é a presenza de dez deportistas nas listas da Real Federación Española de Salvamento e Socorrismo para o seguimento de alto nivel e tecnificación de praia. Así mesmo, Iria Barreiro e Hugo Ferreño Varela foron convocados pola Selección Galega para o Campionato de España por Comunidades Autónomas, celebrado no pasado mes de setembro na Comunidade Valenciana. Hugo Ferreño obtivo cinco podios, cunha medalla de prata e catro de bronce, mentres que Iria Barreiro competiu na categoría absoluta, por riba da que lle corresponde por idade.

O alcalde salientou que estes resultados son tamén consecuencia do traballo formativo e da implicación colectiva que sosteñen o club. Por iso destacou a importancia de contar na Laracha cunha entidade que facilita o acceso ao deporte de calidade desde as categorías de base e que, ademais da competición, promove a seguridade acuática, os hábitos de vida saudables, a igualdade, a inclusión e a participación das familias e do voluntariado.

“Detrás dos resultados hai un proxecto deportivo que segue medrando. Moitos xa sodes campións e outros estades empezando, pero todos sodes importantes para o futuro do club e para o deporte da Laracha”, manifestou José Manuel López Varela.

O rexedor pechou a súa intervención indicando que “cada vez que competides, o Concello da Laracha tamén o fai con vós. E cada vez que subides a un podio, todo o municipio celebra o voso éxito”.