Walter Pardo volverá a encabezar a candidatura do PSdeG de Malpica nas eleccións locais de 2027 

1 minutes read

O PSdeG-PSOE de Malpica de Bergantiños anuncia que Walter Pardo Añón volverá encabezar a candidatura socialista á Alcaldía do municipio nas vindeiras eleccións locais, despois de ser elixido por unanimidade nunha reunión da agrupación celebrada o pasado domingo.

O candidato socialista sinala como propósito principal apostar por un cambio de rumbo no Concello, priorizando a atención aos problemas da veciñanza, á mellora dos servizos públicos básicos do municipio e ó mantemento das infraestruturas. «O noso obxectivo é traballar por un concello que non deixe de lado as necesidades básicas da veciñanza, que escoite ós seus veciños e veciñas e que planifique o futuro con responsabilidade, proximidade e compromiso», declara Pardo Añón.

Para o PSdeG de Malpica, a candidatura de Walter Pardo Añón representa a continuidade do traballo desenvolvido polo grupo municipal socialista ao longo dos anos e a vontade de seguir construíndo unha alternativa para o Concello e dar resposta ás preocupacións dos veciños e veciñas.