Cabana de Bergantiños, Carballo, Coristanco, A Laracha, Malpica de Bergantiños e Ponteceso son os concellos da comarca de Bergantiños en alerta, afectados por esta situación de seca prolongada.
A Xunta de Galicia declarou que toma esta determinación tras analizar a evolución dos últimos indicadores de seca e ante un escenario de redución das precipitacións sostido no tempo.
A Oficina Técnica da Seca celebrada este xoves –presidida polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández xunto a outros cargos do organismo hidráulico e representantes de Protección Civil, de Meteogalicia e das Consellerías de Sanidade e de Medio Rural– acordou adoptar esta medida e estender así o escenario que xa se decretou a finais de setembro nos sistema do Ulla-Tambre e de Costa Norte ao conxunto de Galicia-Costa.
Na reunión tamén acordaron manter a situación actual con respecto á escaseza, coa única excepción do sistema do río Grande, en Camariñas, no que se desactiva a prealerta ante a boa evolución dos principais indicadores detectada durante as últimas semanas.
Un total de 123 concellos están parcial ou completamente incluídos nas unidades afectadas pola escaseza conxuntural de auga: 32 en alerta ou con medidas equivalentes e outros 91 en prealerta.
Entre as actuacións que poden adoptarse, segundo as necesidades de cada sistema, figuran a limitación de usos non prioritarios, como o baldeo de rúas, o recheo de piscina ou a rega de xardíns, así como outras medidas de redución dos consumos.
