Medio centenar de veciños da Laracha participan estes días na viaxe cultural á provincia de Almería organizada polo Concello. Están acompañados polo alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López. A excursión, que comezou o día 19 e finalizará o 26, está dirixida a maiores de 55 anos, pensionistas e xubilados empadroados no municipio.
A iniciativa enmárcase nas actividades municipais de promoción do envellecemento activo, ofrecendo ás persoas participantes a oportunidade de descubrir novos lugares, coñecer outros contornos e compartir experiencias nun ambiente de convivencia. Ademais do seu compoñente cultural e de ocio, a viaxe contribúe a reforzar as relacións sociais entre a veciñanza, favorecendo o benestar das persoas dese colectivo.
O programa inclúe visitas a algúns dos principais atractivos turísticos e naturais da provincia, como Roquetas de Mar, o Parque Natural de Cabo de Gata-Níjar, a cidade de Almería, Mojácar e Carboneras. Tamén contempla unha visita a Fort Bravo, no Deserto de Tabernas, coñecido como escenario de numerosas películas do Oeste, así como a un invernadoiro agrícola para coñecer de preto as técnicas de cultivo dun dos sectores máis representativos da economía almeriense.
A viaxe completarase co regreso á Laracha o vindeiro luns tras unha parada intermedia en Segovia. Na ida, os participantes tamén visitaron Cidade Real para facer máis levadeiro o desprazamento ata Andalucía.
Con esta proposta, o Concello continúa impulsando actividades que van máis aló do turismo e que favorecen que as persoas maiores sigan desfrutando de novas experiencias, mantendo unha vida social activa e compartindo tempo con outros veciños do municipio.
