O Concello ten aprobado un proxecto de mellora da sinalización viaria e da accesibilidade nos núcleos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión cun investimento que alcanzará os 200.000 euros. A actuación sairá a licitación proximamente e permitirá reforzar a seguridade nos desprazamentos, facilitar a mobilidade de peóns e vehículos e mellorar o estado de conservación de distintos espazos públicos nas tres vilas.
Unha parte destacada dos traballos centrarase na renovación das marcas viarias que presentan desgaste e perderon visibilidade co paso do tempo. Repintaranse os pasos de peóns, as liñas de circulación, as marcas de detención e os espazos de estacionamento, entre outros elementos, co obxectivo de mellorar a orientación dos condutores e a seguridade dos peóns. Tamén será instalada nova sinalización vertical.
Ademais, o proxecto contempla a creación novas prazas de aparcamento reservadas para persoas con mobilidade reducida que quedarán debidamente sinalizadas co fin de favorecer a accesibilidade e facilitar os desprazamentos e o acceso aos servizos nos núcleos urbanos. Nas zonas de estacionamento que así o requiren será mellorado o pavimento e remarcada a pintura en todo o ámbito no que está implantada a zona azul gratuíta.
As intervencións completaranse con intervencións de reparación de beirarrúas para mellorar as condicións de tránsito peonil.
Con esta actuación, o Concello continúa avanzando na humanización, mellora dos espazos públicos e das condicións de mobilidade nos tres núcleos urbanos do municipio, prestando especial atención á seguridade viaria e á accesibilidade en beneficio do conxunto da cidadanía.
