O comercio de Vimianzo entra na campaña que organiza a Deputación da Coruña para impulsar as compras nas tendas de proximidade.
Os establecementos adheridos contarán con descontos para os seus clientes de entre 10 e 30 euros por compra. A campaña estará operativa ata o 20 de novembro ou ata esgotar o orzamento.
Desde o Concello de Vimianzo animan á veciñanza a participar e apoiar o comercio local.
A campaña permitirá que cada persoa maior de idade dispoña dun bono descargable de 100 euros en descontos para realizar compras nos establecementos adheridos dos concellos de menos de 20.000 habitantes.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou que os 5 millóns de euros destinados á campaña «chegarán directamente ás tendas, aos pequenos negocios e ás rúas das nosas vilas» e servirán para incentivar o consumo de proximidade nun momento no que hai cada vez máis compras online. «Queremos que estes bonos animen a mercar no comercio local, que o diñeiro quede nos nosos concellos», sinalou.

