Varios feridos e dous detidos nunha protesta contra un acto de Vox na Coruña

2 minutes read

Unhas 4.000 persoas concentráronse na mañán deste mércores na céntrica praza coruñesa de María Pita, onde ás 12.00 horas realizaba unha intervención ante os medios o presidente de Vox, Santiago Abascal. Tras un cordón policial formado por máis dunha ducia de furgóns da Policía Nacional, os manifestantes, convocados por colectivos de esquerda radical entre eles Galiza Nova e tamén o Sindicato de Inquilinas, situábanse nas proximidades do Concello, mentres que o acto de Vox se celebraba na entrada á praza por Porta Real.

Ao finalizar o acto de Vox, os manifestantes lanzaron ovos e obxectos como chisqueiros contra o cordón policial. A continuación, a tensión foise incrementando e deu lugar a unha nova carga, na que polo menos un dos mozos resultou ferido, con feridas visibles no rostro. Tras esta situación, os disturbios fóronse repetindo. Os balances feitos falan de máis de 15 feridos dos que 12 son policías. Fontes do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) confirmaron que tres persoas foron atendidas no centro sanitario, aínda que ningunha delas revestía gravidade. Dúas persoas foron detidas.

Tras o ocorrido, o sindicato policial Jupol pediu a dimisión do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, ao considerar que puxo «en grave risco» aos policías.

O Concello da Coruña amosa a súa máis rotunda condena contra os actos violentos que este mércores causaron danos e feridos durante unha concentración na praza de María Pita. «Calquera reivindicación perde a súa lexitimidade cando se recorre á violencia, se ataca a persoas inocentes e se danan bens privados de particulares», indicou a alcaldesa, Inés Rey. 

«Foron case 5.000 as persoas concentradas hoxe en María Pita, mais a actuación de algúns violentos derivaron ao final en actos de vandalismo», indicou Rey,  «A violencia, veña de onde veña, nunca ten sentido», indicou.

A alcaldesa manifestou o seu apoio a todas as persoas que resultaron feridas e tamén a aquelas que padeceron danos nos seus negocios, e destacou tamén o dereito e o comportamento cívico de todas aquelas persoas que acudiron á convocatoria para manifestarse pacificamente contra o fascismo.  

A alcaldesa lamenta a deriva violenta que tomou a convocatoria de hoxe especialmente nunha cidade como A Coruña que sempre se caracterizou polo seu talante cívico, pacífico e dialogante.