O IES Eduardo Pondal de Ponteceso acolle a presentación do cómic ‘Unha noite calquera’ no Día do Dano Cerebral

3 minutes read

O 26 de outubro conmemórase o Día do Dano Cerebral Adquirido e o tecido asociativo aproveita para visibilizar esta discapacidade e reivindicar recursos e servizos cos que continuar mellorando a calidade de vida do colectivo e das súas familias.

Dano Cerebral Galicia, a Federación que reúne as cinco asociacións galegas desta discapacidade, vai presentar, o mesmo luns 26 de outubro, a banda deseñada ‘Unha noite calquera’, elaborada en colaboración coa ilustradora Julia Lago e baseada nun caso real, dunha persoa usuaria das nosas asociacións, que prefire manterse no anonimato.

Esta banda deseñada está ideada para entregar a un público mozo, que se achega ou inicia na idade de conducir, trasladándolles unha mensaxe centrada na prevención da sinistralidade viaria. Os accidentes de tráfico están detrás da maioría de casos de traumatismo cranioencefálico que derivan en dano cerebral adquirido. O traumatismo é a segunda causa da nosa discapacidade (tralo ictus), con arredor do 20% dos casos.

O acto de presentación vai ter lugar ás 11:00 no salón de actos do IES Eduardo Pondal de Ponteceso, por medio dun obradoiro ao que van asistir máis dun cento de estudantes do centro; boa parte deles/as da área de condución ou da sociosanitaria. A actividade contará cunha introdución para presentar ‘Unha noite calquera’ -emitirase un pequeno vídeo da ilustradora saudando e explicando o proceso creativo ao alumnado-, e estará aberto á presenza de medios de comunicación ou persoas interesadas.

‘Non se pode previr o que non se coñece’: campaña con Renfe

Un xogo, ‘Atopa as 7 diferenzas’, e un lema, ‘Non se pode previr o que non se coñece’, ocupan desde o 19 de outubro, e ata o vindeiro 15 de novembro, os principais trens das liñas galegas de Renfe, grazas á alianza selada entre a compañía de transportes e Dano Cerebral Galicia para reforzar o coñecemento social sobre o dano cerebral adquirido e contribuír á súa prevención.

En concreto, a campaña pode verse nos trens Media Distancia e Avant que percorren os traxectos A Coruña-Santiago-Vigo e A Coruña-Santiago-Ourense. Ademais, ‘Non se pode previr o que non se coñece’ pode verse pode verse tamén nas pantallas das máquinas ‘Su turno’ que sinalizan as quendas e tamén nas máquinas autovenda das estacións ferroviarias.

Esta é a terceira ocasión na que Dano Cerebral Galicia e Renfe colaboran para conmemorar o Día do Dano Cerebral e tamén o Día do Ictus -29 de outubro- cunha campaña que pon o foco nas secuelas invisibles do dano cerebral adquirido, tratando de concienciar á cidadanía para que sexa capaz de recoñecer e comprender ás persoas con esta discapacidade, ao tempo que se dota de ferramentas para previr as súas principais causas -ictus e traumatismos cranioencefálicos- e recibe orientación sobre onde acudir para recibir información, orientación e apoio.

Alianza cos Espazos +60 de Afundación

As persoas maiores serán destinatarias tamén do noso programa de conmemoracións a través dun ciclo de sesións informativas, científicas e ‘Recunchos cerebrosaudables’ coordinado cos Espazos +60 de Afundación que dá comezo o Día do Ictus.

A sesión científica vai estar impartida por Francisco Campos, coordinador do Grupo Ictus Traslacional Treat (dependente do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela). Será a que dea comezo ao ciclo, no mesmo 29 de outubro ás 17:30, no Espazo +60 de Santiago de Compostela.

As sesións informativas arredor do dano cerebral adquirido van ter lugar nos Espazos +60 de Lugo (04/11/2026 ás 17:30), A Coruña  (10/11/2026 ás 17:00), Vigo (12/11/2026 ás 17:00), Ourense (16/11/2026 ás 17:00) e Pontevedra (25/11/2026 ás 17:00). Estarán impartidas por profesionais de Dano Cerebral Galicia e do Grupo Treat.

Por último están os ‘Recunchos cerebrosaudables’, nos que se informa sobre os principais factores de risco do ictus, afondando en como manexalos e previlos, en colaboración con profesionais de AGEFEC (Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria). Van ter lugar nos Espazos +60 de Monforte (12/11/2026 ás 18:00), Pontedeume (17/11/2026 ás 18:00), Viveiro (19/11/2026 ás 17:30), Betanzos (25/11/2026 ás 17:30) e Ferrol (26/11/2026 ás 17:00).