8M | A Costa da Morte únese á loita polo feminismo

2 minutes read
  • Diferentes localidades apostaron por actividades creativas e culturais encamiñadas a poñer en valor o papel da muller na sociedade

Desde 1975, cada 8 de marzo celébrase en moitos países o Día Internacional da Muller para seguir loitando pola igualdade e a participación das mulleres en todos os ámbitos da sociedade. Se ben foi a Organización das Nacións Unidas-ONU quen declarou esta data como o día oficial, hai antecedentes de movementos feministas desde moitos anos antes.

O Día da Muller celébrase nos EEUU desde 1909, en Europa desde 1914 (coincidindo co inicio da I Guerra Mundial e as protestas pola paz) e en España desde 1910, cando as mulleres puideron acceder ás Ensinanzas Superiores en igualdade de condicións cós homes.

O acceso aos estudos superiores ou a determinadas profesións, a posibilidade de votar nunhas eleccións ou de divorciarse, poder cobrar o mesmo ca un compañeiro do sexo oposto realizando o mesmo traballo ou que unha muller non sufra un despido se hai posibilidades dun embarazo son o resultado do traballo incansable daquelas que non vían un futuro sen loitar polos seus dereitos. E a loita segue na actualidade, tal e como puidemos comprobar estes últimos días na Costa da Morte.

Vimianzo. Nesta localidade levan días realizando actividades para conmemorar o 8M, como un concurso de deseño gráfico ou a creación dun xardín vertical no miradoiro da Torre (imaxe de portada deste artigo). Nesta actividade, que leva por título “(Im)plantemos igualdade”, participaron asociacións, clubs, o alumnado do CEIP San Vicenzo e o alumnado do obradoiro de emprego. En total colocáronse 450 plantas. A alcaldesa Mónica Rodríguez encabezou este luns o acto de presentación oficial, que rematou cunha actuación da artista Irma Macías.

Ademais, o edificio do Concello ilumínase de morado, a cor característica desta data.

Camariñas. Destaca o mural realizado por Mutante Creativo no CEIP Ponte do Porto. Son seis retratos nos que se reflicten profesións do sector primario e tamén as vencelladas á ciencia ou á cultura.

Mural no CEIP Ponte do Porto_Cedida

Ponteceso. As traballadoras do Concello homenaxearon este día cun pequeno acto na porta do Consistorio, onde se concentraron sostendo carteis en apoio á conmemoración desta data e leron un manifesto con motivo do 8M.

Traballadoras do Concello de Ponteceso_Cedida

Cabana de Bergantiños. As redes sociais municipais recollen nunha peza audiovisual o testemuño do voluntariado do CPI As Revoltas, que se encarga de atender á rapazada á hora das comidas. As tarefas que realizan diariamente incrementáronse coa chegada da covid-19, cuxas medidas de prevención se implementaron no servizo de comedor

Coristanco. A concelleira de Servizos Sociais, Cultura e Deporte, Clarisa Couto Castro, leu un manifesto no que se fixo referencia ás catro mulleres homenaxeadas este ano polo Concello: Clarisa Fernández Muñiz, Carmen Villar Cotelo, María Castro Romero e Asunción Antelo Suárez.