A Comisión Europea está a investigar á empresa tecnolóxica desde 2020 e a súa opinión preliminar é que Apple restrinxe a competencia ao impedir que os desarrolladores de aplicacións de moedeiros móbiles accedan ao hardware e software necesarios nos seus dispositivos. «Ao excluír a outros do xogo, Apple protexeu de forma inxusta os seus moedeiros de Apple Pay dos da competencia. Se se demostra, este comportamento equivalería a un abuso de posición dominante, que é ilegal segundo a nosa normativa», explicou nunha rolda de prensa a vicepresidenta da Comisión Europea, Margrethe Vestager.
Este caso de antimonopolio podería supoñer unha enorme multa para o fabricante do iPhone e poderíalle obrigar a abrir a súa tecnoloxía para o chip usado nas operacións monetarias, coñecido como NFC, aos seus competidores. Pero Apple asegura que garante a igualdade cos seus competidores.
«Deseñamos Apple Pay para ofrecer unha forma fácil e segura de que os usuarios presenten dixitalmente as súas actuais tarxetas de pago e para que os bancos e outras entidades financeiras ofrezan pagos sen contacto aos seus clientes. Apple Pay é só una das moitas opcións que teñen os consumidores europeos para realizar pagos, e garantiu a igualdade de acceso á NFC á vez que estableceu normas líderes no sector en materia de privacidade e seguridade», explica un portavoz da empresa.
A tecnolóxica de Calfornia defende que seguirá «colaborando coa Comisión para garantir que os consumidores europeos teñan acceso á opción de pago que elixan nunha contorna segura».
A UE aprobou recentemente unha lei histórica coñecida como Lei de Servizos Dixitais que busca limitar o poder das grandes tecnolóxicas.