O sector tecnolóxico galego supera as 3.000 empresas con mil traballadores máis en 2022

2 minutes read

O sector tecnolóxico galego creou 1.063 postos de traballo en 2022, un 5,1 % máis que o ano anterior, acadando os 21.803 empregados. Ademais, a Comunidade supera a cifra das 3.000 empresas tecnolóxicas, o 4,5 % do total estatal, e ocupa novamente a quinta posición no conxunto do Estado por numero de empresas TIC. O peso do sector na economía galega reflíctese no seu Valor Engadido Bruto con máis de 1.740 millóns de euros, que supón o 2,97 % do PIB total de Galicia.

Son parte das cifras que analiza o estudo “Empresas TIC sobre a Sociedade da Información en Galicia. Edición 2022”, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, en base aos últimos datos rexistrados do sector e a unha enquisa onde se recollen os indicadores asociados a este sector.

O estudo sinala que catro de cada dez empresas TIC levaron a cabo actividades I+D+i durante o período 2019-2021, o que supón un 32,8 % máis que no período 2018-2020. Destas empresas o 76,3 % obtivo resultados comercializables.

No ano 2022, o 34,8 % das empresas tecnolóxicas galegas impartiu formación en tecnoloxías da información e comunicación ao seu persoal. A Ciberseguridade (40,3 %) e os Contornos de programación (38,6 %) son as dúas áreas de maior interese formativas nas empresas do sector.

A tecnoloxía disruptiva con máis presenza nas empresas TIC galegas é a Internet das Cousas (IoT) cunha porcentaxe do 36,5 %. O 31,9 % das empresas TIC galegas analizan Big Data, cun crecemento do 41,8 % respecto ao ano anterior.

O 29,9 % das empresas TIC galegas utiliza ou incorpora aos seus produtos ou servizos Business Intelligence e o 32,2 % emprega Chatbots. Respecto á IA, o 28,1 % das empresas TIC galegas utilizan Intelixencia Artificial o que supón un crecemento do 30,1 % no último ano.