O comisario de Industria, Dixital e Mercado Interior, Thierry Breton, advertiu nunha carta a Elon Musk da difusión sen control de trolas e contidos ilegais a través de X (antes Twitter) desde que o sábado 7 de outubro o Movemento de Resistencia Islámica (Hamás) lanzase a súa ofensiva contra Israel, unha situación que contravén as novas regras da Unión Europea que obrigan ás grandes plataformas dixitais a tomar medidas contra a desinformación e as mensaxes de odio.
Breton aproveitou a mesma plataforma que posúe Musk tanto para difundir a carta formal remitida ao magnate, tamén conselleiro delegado de Tesla, como para dar a coñecer o seu novo perfil na ‘app’ alternativa a Twitter, Bluesky. “Aínda que non (sempre) a herba é máis verde alén, o ceo ás veces é máis azul. Sigamos en contacto!”, escribiu o liberal francés para presentar a súa nova conta na plataforma creada por un dos cofundadores de Twitter.
Breton indica tamén na súa misiva a Musk que os seus servizos teñen “indicacións” de que a rede social “está a ser utilizada para difundir contido ilegal e desinformación na Unión Europea” e lémbralle que a nova lexislación comunitaria “establece obrigacións precisas” respecto a como debe actuar a plataforma nestes casos.
Tamén advirte de que unha vez que a plataforma foi notificada de que se están difundindo contidos ilegais na Unión Europea debe proceder de maneira “dilixente” a tomar medidas e retirar o contido alertado.