O 92,4% dos fogares galegos teñen contratado Internet, cun incremento do 4,1% con respecto ao ano anterior. Isto supón que 34.400 vivendas da Comunidade se sumaron ao uso de internet no último ano. Sen embargo, o máis destacado deste aumento é que se produce nos concellos máis pequenos, onde ata o de agora a fenda dixital era máis acusada. Entre 2019 e 2020 a contratación de internet nos municipios de menos de 10.000 habitantes creceu un 8,7%, máis do dobre que a media de Galicia.
Son parte dos datos publicados polo INE sobre o equipamento e uso das TIC nos fogares en 2020, que constata que a contratación de internet supera o 94% en todos os concellos de 50.000 a máis de 100.000 habitantes; que no tramo de 20.000 a 50.0000 habitantes esta porcentaxe ascende a máis do 95%; e que nos concellos de 10.000 a 20.000 habitantes pasou do 86,1% ao 91,5%.
Segundo a análise realizada polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), as cifras confirman que a totalidade dos galegos de 16 a 34 anos empregan Internet e superan a media estatal no uso habitual de Internet pero, ao mesmo tempo, tamén se están a producir incrementos significativos do uso das TIC entre os maiores galegos de 65 anos.