Muxía | Xuntanza para coordinar o inicio das obras da estrada de Touriñán

1 minutes read

O alcalde de Muxía, Iago Toba, e a rexedora de Cee, Margarita Lamela, reuníronse con Eduardo Blanco, da Autoridade Portuaria, así como con dous técnicos da empresa Arias, que executará os traballos,  para coordinar o inicio das obras da estrada de Touriñán, logo de que ambas administarcións locais asinaran un convenio coa Autoridade Portuaria o pasado mes de xuño para establecer as ‘actuacións previas á mutación demanial’, no que se facía efectiva a cesión aos Concellos de Muxía e Cee.

O alcalde, Iago Toba, sinala a “relevancia da implicación das tres partes para que este proxecto sexa unha realidade. Quero agradecer no nome de todos os muxiáns e muxiáns tanto ao Concello de Cee como á Autoridade Portuaria que estes traballos sexan unha realidade”, incidiu.

Pola súa banda, a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, destacou “a importancia da obra para o desenvolvemento social e económico de ambos municipios, así como a positiva incidencia no turismo e no desfrute do patrimonio natural, cultural e paisaxístico”.

Os traballos, que comezarán o vindeiro luns, irán en sentido Touriñán-Cee, nunha vía cunha lonxitude de 11 quilómetros e 480 metros, cun ancho variable entre 4,25 metros e 9,00 metros aproximadamente. En total, o proxecto suporá un total de 636.014,55 euros.

Os Concellos de Muxía e Cee aseguran que “se coordinarán os traballos para minimizar que estas obras deriven en incidencias aos veciños, como cortes de tráfico”, argumentaron ambos edís, que en todo caso, e contando co apoio da Autoridade Portuaria, serán “á maior celeridade posible”, insisten.