O Concello de Vimianzo presentou, na mañá deste xoves, o programa “Conectando Corazóns”, unha iniciativa social pioneira destinada a combater a soidade non desexada e o illamento social no municipio impulsado co apoio de Xeal.
A presentación correu a cargo do coordinador do programa, Sergio Trillo, quen estivo acompañado pola alcaldesa, Mónica Rodríguez, o equipo de Benestar Social, encabezado pola concelleira responsable da área, María José Pose, e a CEO de Xeal, María Couto.
Con esta iniciativa búscase dar resposta a unha realidade moi presente na sociedade: a soidade non desexada. A través deste programa poderanse detectar antes situacións de vulnerabilidade e acompañar ás persoas no seu día a día. “É unha gran oportunidade para que todas e todas poidamos vivir unha vida baseada na compañía, no afecto e no cariño”, destacou Pose.
A soidade e o illamento son problemas sociais que afectan á saúde física e mental, á cohesión comunitaria e á supervivencia do mundo rural. “En Vimianzo, case un terzo da poboación supera os 65 anos, cunha alta dispersión xeográfica que dificulta a interacción social”, comezou explicando Sergio Trillo, quen salientou que o obxectivo é “reforzar os lazos sociais e crear redes de apoio comunitario que permitan reconstruír o tecido social das nosas parroquias”.
Neste sentido, con este programa preténdese: crear unha rede de identificación temperá de persoas en situación de soidade; desenvolver campañas de sensibilización para visibilizar o problema; implementar actividades de prevención para manter a interacción social; fomentar as relacións interxeracionais e de veciñanza activa; e mellorar a coordinación dos servizos existentes.
Nesta liña, Trillo explicou que o programa está estruturado en catro liñas de acción principais: sensibilización, identificación, prevención e intervención.
A campaña de sensibilización inclúe campañas nos medios locais sobre soidade, encontros interxeracionais e un teléfono de apoio emocional denominado ‘Ao teu carón’.
A de identificación consiste na constitución dunha rede de “antenas” con comercios e veciños, a avaliación de necesidades porta a porta e un mapa social de persoas en risco.
Pola súa parte, a de prevención centrarase na realización de obradoiros de habilidades sociais, a creación dunha escola da experiencia con saberes tradicionais e a horta comunitaria ‘sementes de amizade’.
Por último, a de intervención está baseada na posta en marcha dun programa de apoio psicolóxico individualizado e do transporte compartido ‘Viaxamos xuntos’.
As mencionadas son só algunhas das moitas actividades que se van levar a cabo no marco desta iniciativa.