O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, participou este xoves na presentación do novo grupo editorial de El Ideal Gallego, onde puxo en valor a longa traxectoria deste histórico medio coruñés e a súa capacidade para adaptarse aos cambios sociais e tecnolóxicos sen perder a súa esencia.
Rueda subliñou que El Ideal Gallego leva máis dun século sendo un referente informativo en Galicia, cun espírito de servizo á sociedade baseado no rigor e na promoción dunha opinión pública plural e libre. Destacou tamén o labor dos profesionais que cada día manteñen vivo e conectado coa realidade este xornal, así como das súas publicacións irmás.
O presidente tivo unhas palabras de recordo para Andrés Ríos, falecido o pasado 12 de setembro, a quen definiu como un xornalista comprometido coa profesión, que deixou unha fonda pegada tanto en El Ideal Gallego como en Deportes Campeón.
O titular da Xunta destacou a relevancia dos soportes dixitais na comunicación actual, ao tempo que defendeu a importancia de manter o papel impreso, que continúa a ter un gran valor social e cultural. Referiuse tamén á irrupción da intelixencia artificial como unha ferramenta útil para o sector, aínda que insistiu en que ningún algoritmo pode substituír a experiencia, o criterio e a sensibilidade do xornalista.
Nun contexto global marcado pola polarización e os discursos enfrontados, Rueda apelou á necesidade dun xornalismo responsable, capaz de tender pontes e dar voz á pluralidade, actuando como contrapeso fronte ao ruído e á confrontación. Neste senso, destacou o papel de El Ideal Gallego como medio comprometido coa cidadanía e coa construción dunha sociedade máis libre e mellor informada.
Finalmente, o xefe do Executivo autonómico felicitou ao director, Rubén Ventureira, e ao seu equipo, animándoos a continuar combinando a tradición e a innovación, papel e dixital, sempre a carón da xente. Sinalou que os medios non son un negocio calquera, senón espazos de creación, cohesión e memoria colectiva, parte da identidade dun país.