A calor extrema regresaba este martes a España coa chegada da terceira onda de calor do verán, un episodio que elevará as temperaturas ata valores extremos en amplas zonas do país.
A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) emitiu un aviso especial por un fenómeno que podería alcanzar niveis de «perigo importante ou mesmo extraordinario» durante as horas centrais do día, con especial risco para as persoas vulnerables e as actividades ao aire libre.
A Aemet asegura que a situación «non é nada habitual». Desde o 1 de xuño apenas houbo xornadas con temperaturas por baixo do normal e a calor intensa comezou xa a finais de maio. Ademais, o organismo non descarta novas ondas de calor nas próximas semanas, xa que agosto tamén se prevé máis cálido do habitual.
Estos días, os termómetros superarán os 35 °C en Baleares e en boa parte da Península, salvo en zonas do noroeste, áreas costeiras e de montaña. O episodio será especialmente intenso no interior de Andalucía, Murcia e o sur de Castela-A Mancha, onde se prevén máximas por encima dos 40 °C.
Tamén esperan noites tropicais en amplas zonas de Andalucía, o leste peninsular e Baleares, con mínimas que poderían non baixar dos 25 °C en puntos do litoral mediterráneo e do val do Guadalquivir.
Aemet sinalou na rede X que: «No inicio da onda de calor, o perigo de incendios forestais é moi alto ou extremo na maior parte da Península e Baleares». Dando un prognóstico actualizado de ata sete días.