A Agrupación Deportiva Un Paso Máis, premio á «Mellor entidade na promoción e fomento do deporte inclusivo»

2 minutes read

Desde a Agrupación Deportiva Un Paso Máis anunciaban este sábado con inmenso orgullo e emoción que foron galardoados co premio á «Mellor entidade na promoción/fomento do deporte inclusivo». Este recoñecemento foilles entregado no marco da IV Gala dos Premios do Deporte da Deputación da Coruña, o gran acto anual de recoñecemento ao ecosistema deportivo da provincia da Coruña que presidiu o presidente da entidade Valentín González Formoso.

No acto de entrega, celebrado no Teatro Colón da Coruña, vivironse momentos moi emocionantes, pero desde Un Paso Máis queren deixar clara unha mensaxe por riba de todas: «os verdadeiros gañadores deste premio non puideron ir á recollida, pero todos os tiñamos igualmente presentes no corazón. Eles son os nenos e nenas de Un Paso Máis. Cada sorriso, cada avance e cada barreira que rompen na pista son o noso verdadeiro premio e o motor que nos impulsa cada día».

A obtención deste galardón, que recoñece o esforzo e os valores asociados á práctica da entidade no ano 2025, non sería posible sen o traballo incansable e o apoio incondicional de todas e cada unha das familias que forman parte da agrupación. Igualmente, agradecen de corazón o apoio e a comprensión continua das administracións, clubs e entidades sociais amigas. Tamén dan as grazas aos medios de comunicación e a quen lless dá voz a través das súas redes sociais por ser o mellor altofalante. E, por suposto, tamén teñen un grazas inmenso a toda a sociedade carballesa en particular, e bergantiñana en xeral, que día a día lless amosan a súa simpatía e o seu agarimo.

«Para nós resultou unha grandísima honrra poder traer este premio para Carballo. É un galardón que nos enche de alegría porque nos dá a entender que o noso humilde modelo funciona. Un modelo que se basea, pura e simplemente, en crear un gran equipo de voluntarios e voluntarias; unha rede humana solidaria que nos permite que, case sen recursos, poidamos alcanzar estas altas cotas de execución e facer que o deporte chegue de verdade a quen máis o necesita. Por iso mesmo, aproveitamos a tregua que nos dá o tempo e, de paso que saímos xogar ao parque, fixémonos unha foto de familia cos premios obtidos recentemente ante unha pequena representación das nosas familias», concúen desde Un Paso Máis.

A IV Gala da Deputación, que puxo en valor o deporte como ferramenta de cohesión social e igualdade de oportunidades, foi o escaparate perfecto para visibilizar este traballo silencioso. Compartir espazo e ser recoñecidos xunto a grandes referentes do deporte galego é un soño cumprido que queren compartir con todo pobo carballés.