O BNG levará a loita contra a macroplanta de biogás de A Laracha a todos os concellos do Anllóns

4 minutes read

O BNG de Bergantiños manifesta a súa oposición frontal ao proxecto de planta de biometano promovido pola empresa Bioenergía A Coruña SL —vinculada a Aratel Energías Renovables— no lugar de Vista Alegre, parroquia de Soandres, no concello da Laracha.
O período de exposición pública do estudo de impacto ambiental, aberto pola Xunta de Galiza, supón para o BNG de Bergantiños un momento decisivo para defender o patrimonio natural e os recursos hídricos de toda a comarca. A formación nacionalista anuncia que presentará mocións en todos os concellos afectados polo río —A Laracha, Carballo, Coristanco, Cabana de Bergantiños, Ponteceso e Laxe— para que os seus plenos se sumen ao rexeitamento institucional, e utilizará todas as canles parlamentarias e xurídicas á súa disposición para impedir a execución do proxecto.


Un proxecto que ameaza a arteria hídrica de Bergantiños

O BNG de Bergantiños alerta de que a localización da planta representa un risco directo sobre o río Anllóns, a principal arteria fluvial da comarca. O Anllóns nace nos montes do Xalo, en Culleredo, e percorre os concellos de A Laracha, Carballo, Coristanco, Cabana de Bergantiños e Ponteceso antes de desembocar en forma de esteiro no Atlántico, a través da ría de Corme e Laxe. Todo o seu percurso está declarado Zona de Especial Conservación (ZEC) e o seu curso medio e baixo conta con protección adicional como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN). O seu esteiro forma parte do Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) Costa da Morte.
A planta proxectada situaríase a escasos metros do principal regato afluente do Anllóns, do que extraería 1,5 millóns de litros de auga ao ano. Xeraría ademais máis de 30.000 toneladas anuais de efluentes líquidos e preto de 20.000 de dixestato sólido sen tratamento específico. Para o BNG de Bergantiños, calquera vertido accidental tería consecuencias catastróficas e irreversibles para toda a cunca, desde as cabeceiras da Laracha ata o estuario e a ría.


A ría de Corme e Laxe: marisqueo, pesca e turismo en perigo


A ría de Corme e Laxe é o destino final de todo o que discorre polo Anllóns. Os seus fondos albergan ricos bancos marisqueiros —berberecho, percebe, ameixa, mexillón— e a súa actividade pesqueira e marisqueira é fonte de emprego e identidade para os concellos de Laxe, Ponteceso e Cabana de Bergantiños. O esteiro do Anllóns, co seu sistema dunar de
case 2 km e o Monte Branco, é ademais un espazo de referencia ornitolóxica e un activo turístico fundamental da Costa da Morte. Toda esta riqueza dependente dunha auga limpa quedará en suspenso se se autoriza un proxecto que, pola súa propia escala, converte o Anllóns nun receptor de risco permanente.


Un modelo industrial rexeitado pola ciencia e pola experiencia europea


O BNG de Bergantiños sublima que o problema non é o biogás como tecnoloxía, senón o modelo de macroplanta industrial que se pretende implantar. O proxecto de Bioenergía A Coruña —65.000 toneladas de residuos ao ano, 13 camións diarios, 95.000 m² de solo rústico
— sitúase no extremo oposto ao modelo descentralizado que recomenda a evidencia científica e que practican os países europeos con maior tradición en enerxías renovables.
Ademais, Galiza carece de normativa específica que regule a implantación e o funcionamento deste tipo de instalacións nin o réxime xurídico do dixestato que producen. O BNG considera que autorizar este proxecto na ausencia dese marco regulatorio sería unha irresponsabilidade histórica, e exixe á Xunta que paralice a tramitación de todas as instalacións desta natureza ata que esa normativa estea en vigor.


Esixencias do BNG de Bergantiños


– Que a Xunta de Galiza denegue a autorización ambiental do proxecto de Bioenergía A Coruña na Laracha, na súa configuración actual.
– Que a Xunta non declare o proxecto de interese estratéxico nin aplique ningunha figura de aceleración de trámites.
– Que se aprobe con urxencia unha normativa galega reguladora das plantas de biogás, seguindo o exemplo doutras comunidades autónomas.
– Que se estableza un moratoria na tramitación de proxectos de biogás de gran escala ata que esa normativa entre en vigor.
– Que se reforce a protección do río Anllóns, da ría de Corme e Laxe e dos espazos naturais protexidos da comarca ante calquera nova ameaza industrial.
O BNG de Bergantiños afirma que seguirá traballando ao carón da veciñanza de Soandres e do conxunto dos concellos afectados para garantir que a comarca de Bergantiños, o Anllóns e a ría de Corme e Laxe non sexan sacrificados en beneficio dun negocio industrial que non ofrece nada á comarca que non poida conseguirse con modelos enerxéticos moito máis respectuosos co
territorio.