O proxecto Pesca Saúde instalará puntos de información móbiles en Carballo, Malpica e A Laracha

4 minutes read

Pesca Saúde promove o produto de proximidade, destacando o seu valor nutricional e o seu papel nun modelo alimentario sostible.

Baixo o lema “Alimentos do Mar, alimentos de Vida”, o proxecto Pesca Saúde instalará puntos de información móbiles en Carballo, Malpica e A Laracha para amosar o beneficios dos produtos do mar na saúde e coñecer as súas propiedades nutricionais, e ofrecer degustacións de produtos do mar elaborados por profesionais da restauración nunha “foodbike”. Nestes espazos repartiranse ademais guías de propiedades nutricionais e hábitos de alimentación saudables, e vales desconto para consumir nos establecementos adheridos á campaña.

Os eventos celebraranse no exterior dos centros de saúde, en horario de 11 a 13 h, o martes 28 (Carballo), mércores 29 (Malpica) e xoves 30 (A Laracha) . Estas actividades completaranse cunhas Xornadas Técnicas que se anunciarán proximamente, na que unha experta do ámbito sanitario en endocrinoloxía e nutrición expoñerá os beneficios do consumo de produto pesqueiro na saúde e o benestar.

Os beneficios do consumo de produto pesqueiro na saúde

O proxecto Pesca Saúde nace nun contexto no que o consumo de peixe fresco descendeu progresivamente mentres aumentou a presenza de produtos ultraprocesados na alimentación habitual. Esta transformación dos patróns dietéticos está asociada a un incremento das enfermidades cardiovasculares, metabólicas e inflamatorias.
Por iso, promover o consumo regular de peixe galego non é só unha decisión dietética, senón tamén unha estratexia de saúde pública baseada na evidencia científica. A través destas actividades, búscase fomentar o consumo de produtos pesqueiros para mellorar a saúde e o benestar da cidadanía, promovendo hábitos de vida saudables.

O peixe e o marisco son alimentos de alta densidade nutricional: conteñen moitos nutrientes esenciais en proporcións axeitadas e con poucas calorías. Proporcionan proteínas de alto valor biolóxico, con todos os aminoácidos esenciais, e graxas cardiosaudables, ricas en ácidos graxos omega-3 (EPA e DHA), que o corpo non pode fabricar por si mesmo. Está probado o seu beneficio no sistema cardiovascular, na saúde cerebral e función cognitiva, na saúde ósea e muscular, na inmunidade e no metabolismo.

Vales de desconto para mercar produto do mar.
Na campaña Pesca Saúde, as peixerías terán tamén un papel protagonista a partir do 15 abril. Será entón cando os puntos de venda comecen a aceptar os vales de desconto de 5€, aplicables directamente na compra, que se repartirán entre a poboación nos eventos a celebrar nos centros de saúde.
Ademais, entre o 15 de abril e o 30 de xuño, todas as persoas que reúnan tiques de compra nos establecementos adheridos por un valor total de 60€ ou máis (poden acumularse varios tiques), participarán no sorteo dunha degustación para dúas persoas nun local de hostalaría. As peixerías participantes estarán identificados co distintivo oficial da campaña.


Próximas actividades: Restauración e obradoiros


O seguinte obxectivo do proxecto será o sector da hostelaría, outro dos puntos onde se quere promover a escolla de produto do mar de proximidade. Con este sector traballarase no deseño de menús saudables adaptados a cada restaurante, baseándose sempre en produtos pesqueiros locais e de tempada.
Tamén neste ano, se celebrarán os obradoiros de ‘Batchcooking’. O Batchcooking é unha forma de organizar a cociña da semana: consistente en preparar nun mesmo momento varias elaboracións ou bases que despois se poden combinar e reutilizar en diferentes comidas. Estes obradoiros acompañaranse da publicación dun receitario, que tamén estará dispoñible na web do proxecto.


Que é Pesca Saúde?


Pesca Saúde promove o produto de proximidade, destacando o seu valor nutricional e o seu papel nun modelo alimentario sostible. O proxecto nace para dar unha resposta positiva ao descenso no consumo de peixe fresco nas últimas décadas e ao
aumento de produtos ultraprocesados, unha tendencia vinculada ao incremento de enfermidades cardiovasculares e metabólicas.
Na iniciativa, financiada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027 a través da Consellería do Mar, participan 7 GALP, que cobren unha parte importante do litoral galego: GALP Ría de Vigo-A Guarda, Ría de Pontevedra, Ría de Arousa, Costa da Morte, Golfo Ártabro Sur e A Mariña-Ortegal, baixo a coordinación do GALP Costa Sostible. O proxecto conta tamén coa colaboración da Consellería de Sanidade, unindo as Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) coa Estratexia Galega de Saúde Comunitaria 2023-2027.