A Aula UNED de Vimianzo acollerá o curso ‘Túmulos funerarios e megalitos no noroeste peninsular’

1 minutes read

Un túmulo é o nome que recibe unha morea de terra e pedras sobre unha tumba ou varias, e que se remonta á época das Idades de Pedra, de Bronce e de Ferro. En Galicia atopamos restos de túmulos en todo o territorio.

Orixinariamente consistía nunha morea de rochas que recubrían directamente o corpo, mais a súa estrutura foi modificada e estes soterramentos foron cubertos por terra até formar verdadeiras montañas artificiais, ao longo dos séculos, e medrando en tamaño até chegar a se converter en cámaras funerarias nas que repousaban tanto o guerreiro morto como as súas armas e as súas principais pertenzas.

A Aula UNED de Vimianzo acollerá do 4 ao 25 de novembro o curso túmulos funerarios e megalitos no noroeste peninsular, unha proposta formativa para afondar no coñecemento do patrimonio megalítico galego, con especial atención á Terra de Soneira e a Vimianzo.

O curso contará coa participación de Patricia Mañana-Borrazás, arqueóloga e investigadora especializada en tecnoloxías 3D aplicadas ao patrimonio cultural, e Santiago Vázquez Collazo, licenciado en Xeografía e Historia e secretario da Fundación L. Monteagudo. Haberá modalidades presencial, en liña en directo e en liña en diferido.

Inscricións e máis información en: https://extension.uned.es/inscripcion/idactividad/55795