A escultura “O Escalo”, de Manuel Facal, volveu á entrada do polígono de Carballo tras a súa restauración

1 minutes read

A escultura O Escalo, do artista carballés Manuel Facal, volve presidir desde este luns a rotonda de acceso ao polígono industrial de Bértoa. A recolocación culmina a intervención municipal para recuperar a peza, que fora retirada o pasado 20 de xullo debido á deterioración provocada polo paso do tempo e a exposición á intemperie.

O Concello de Carballo destinou 14.000 euros á restauración. A actuación foi contratada para sanear a estrutura, substituír os elementos máis deteriorados, eliminar os óxidos e aplicar tratamentos de limpeza, galvanizado e repintado coa súa característica cor vermella.

Co regreso da escultura, Bértoa recupera un referente da súa paisaxe desde 2007. Os seus 13,5 metros de altura e 3.200 quilos de peso converten O Escalo nunha obra de gran presenza, concibida para ser contemplada nun espazo aberto e recoñecida desde a distancia.

A peza representa de forma estilizada un escalo, peixe de auga doce presente no Anllóns, e pertence á mesma serie que O Peixe, situado na avenida da Ponte da Pedra. Ambas as creacións conectan a arte contemporánea coa identidade de Carballo e co río que atravesa o concello.

Manuel Facal doou o deseño ao Concello, que asumiu os materiais e a man de obra para facelo realidade. A escultura foi elaborada en talleres carballeses, empregando na súa maior parte refugallos metálicos.

A súa recuperación permite conservar este legado artístico e manter a presenza da obra de Facal nos espazos públicos de Carballo.