O Concello de Carballo dá un xiro na xestión do mantemento da sinalización viaria. Tras detectar reiterados incumprimentos por parte da última empresa adxudicataria, a Xunta de Goberno Local acordou iniciar o procedemento de incoación de penalidades e, finalmente, a rescisión do contrato de conservación, mantemento e reposición da sinalización horizontal e vertical.
Como alternativa a esa situación, a aposta do goberno local é que sexa a propia Brigada Municipal de Obras a que asuma estas tarefas de xeito permanente. Para garantir a eficacia do servizo, o Concello levou a cabo un plan de choque que incluíu o reforzo de persoal, coa incorporación de novos operarios; a creación e a capacitación dun equipo específico de sinalización viaria e a adquisición do equipamento técnico preciso.
Os traballos xa están en marcha. O equipo municipal comezou as tarefas de sinalización no polígono industrial de Bértoa, onde se prevé que rematen neste mes de maio para, de seguido, trasladar as actuacións á zona urbana de Carballo.
“A nosa prioridade é a seguridade viaria e o bo estado das nosas rúas”, explica o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane. “Coa profesionalización da Brigada Municipal de Obras non só pretendemos solucionar as deficiencias herdadas, senón que poderemos levar o mantemento máis ao día, traballando de forma continuada durante todo o ano sen depender de terceiros”, sinala.
Con esta medida, o Concello de Carballo busca garantir unha resposta máis áxil e eficiente ante calquera incidencia na sinalización, optimizando os recursos públicos e asegurando que tanto as marcas viarias coma os sinais verticais estean en óptimas condicións de visibilidade e seguridade.