A Carreira do Apóstolo, que se celebrará o sábado 18 de xullo en Vilaño (A Laracha), segue apostando por un evento de corte comunitario e solidario cunha xornada aberta a todas as idades e condicións físicas e as doazóns á Asociación Española Contra o Cancro e Cáritas.
A Asociación Adro de Vilaño presentou no Día do Deporte da Laracha a novena edición da Carreira do Apóstolo, o evento deportivo máis multitudinario do Concello. A proba, na que colaboran a Deputación da Coruña e o Concello da Laracha, manterá a distancia de 7K que estreou o ano pasado con grandes resultados.
“O ano pasado superamos a cifra das 1.000 persoas inscritas” afirma Juan Ramos, desde Adro de Vilaño. “Cremos que unha das claves foi reducir a distancia de 10K a 7K, facendo a proba máis accesible e inclusiva”
A carreira, que forma parte do XII Circuito de Carreiras da Deputación da Coruña, ampliará os servizos ofrecidos este ano con xogos infantís desde as 17.00 e a presenza de Bico de Xeado e Cafés Aruba para o desfrute das persoas que asistan. Os servizos habituais de aparcamento e baños adaptados, zona de avituallamento con auga e froita, duchas, fisioterapia e pinchos de balde ao remate manteranse coma cado ano.
A cita inclúe a habitual Andaina Solidaria de 3.5K de distancia, que ten como finalidade recadar fondos para a Asociación Española Contra o Cancro e Cáritas da Laracha. A iniciativa leva doados máis de 5.000€ a estas entidades desde o seu inicio, e espera superar a barreira dos 6.000€ nesta edición.
“A Andaina Solidaria é unha das iniciativas máis bonitas do ano porque se xunta toda xente da zona cunha enerxía boísima e nun entorno saudable” sinala Diego Rama, Presidente da entidade. “O feito de encontrarse nun evento que promove a saúde e a solidariedade, une moito á xente”. A actividade “aberta a todas as idades” contou na oitava edición con “máis de 500 persoas inscritas desde os 8 meses ata os 85 anos”
As inscricións poden realizarse a través da web carreirasgalegas.com, ou presencialmente en Tempo Training & Social Center, no Concello da Laracha ou na piscina da Laracha. O prazo para a inscrición remata o 15 de xullo e o prezo é de 7 euros, sendo gratuíta para as categorías escolares.
O evento conta co patrocinio de diversas empresas e entidades como Fundación Luís Calvo Sanz, ClickFer, Cerámica Campo, Tempo Training & Social Center, Fixagal e Pazo de Montes Claros, ademais da colaboración de Gadis, J. Esmorís e Hijos., Familia, Clínica Diego Pérez e Carrefour.
Ligazón para inscrición na web: https://www.carreirasgalegas.com