A parroquia de Canduas volverá encherse de música o vindeiro domingo 27 de setembro co II Festival Canduas é Música. A Casa Cultural de Canduas acollerá, a partir das 18:00 horas, esta cita aberta ao público, que reunirá diversas agrupacións e artistas nunha tarde pensada para os amantes da música e a celebración.
O cartel desta segunda edición estará composto por Manolo Souto, As Avelaíñas, Vento da Barra, Estraperlistas de Santa Comba, a Coral San Martín de Canduas, Os Garuleiros e Jacinto Paredes e os Seus Acordeóns. Entre todos ofrecerán un programa variado que se desenvolverá ao longo da tarde.
O festival está organizado pola Coral San Martín de Canduas e conta coa colaboración do Concello de Cabana de Bergantiños e da Comisión de Festas de Canduas. Con esta nova edición, a iniciativa afianza a súa presenza no calendario cultural do municipio grazas á implicación dos colectivos da parroquia.
Dende o Concello destacan o papel do tecido asociativo na dinamización cultural de Cabana, así como a importancia de iniciativas coma esta, que achegan a música en directo ás parroquias e fomentan a participación veciñal. Así mesmo, animan á veciñanza a achegarse a Canduas para gozar dunha tarde de música e convivencia.
