A concelleira malpicá Noelia Freijeiro intercambia experiencias en Palma con políticas de 13 países

2 minutes read

Dúas alcaldesas e sete concelleiras de municipios socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade terán a oportunidade de intercambiar experiencias con 140 políticas locais de trece países no II Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘Les Elegides’, que se celebra en Palma de Mallorca. Fortalecer o liderado das donas, reflexionar sobre as resistencias que enfrontan para permanecer no cargo e destacar o seu rol innovador na transformación dos servizos públicos son os obxectivos deste espazo de intercambio impulsado polo Fons Mallorquí de Cooperació.

As alcaldesas Carmela López, de Burela, e María Lago, de Muros, e mais as concelleiras Laura Eiras, de Muros; Patricia Lojo e Amparo Cerecedo, da Pobra do Caramiñal; Pilar Barja, de Bergondo; Patricia Diego e Estela Pérez, de Nigrán, e Noelia Freijeiro, de Malpica de Bergantiños, participan nas xornadas a través da Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad, co apoio da Agencia Española de Cooperación Internacional al Desarrollo. Baixo o lema ‘Liderado, innovación e boas prácticas desde o Sur e o Norte Global’, o encontro aborda estratexias para fortalecer as redes de electas e a súa influencia na gobernanza local.

Segundo ONU Mulleres, só o 35,5% das persoas que ocupan cargos en órganos deliberativos locais no mundo son mulleres. Estes datos poñen de manifesto a necesidade de seguir impulsando espazos de diálogo, colaboración e aprendizaxe compartida como o que o propio Fondo Galego organizou o ano pasado na Coruña: ‘As Elixidas’. A paridade na representación política non é só un dereito, senón tamén unha condición indispensable para a democracia, o desenvolvemento sustentable e unha gobernanza máis inclusiva. A democracia plena necesita a voz, a acción e a permanencia das mulleres.  

De Palestina a Galicia

Entre a vintena de conferenciantes de Europa, África, América Latina e o Mediterráneo que intervirán no programa de ‘Les Elegides’ atópase a palestina Hanan Kaoud, concelleira de Ramala (Cisxordania) e experta en xénero, que a próxima semana visitará oito concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Co título ‘Visita ao Norte. A voz resiliente das mulleres palestinas’, desenvolveranse recepcións institucionais e encontros abertos á cidadanía na Pobra de Trives, Allariz, Culleredo, Abegondo, Santiago de Compostela, Muros, Silleda e Soutomaior.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 118 concellos e as catro deputacións de Galicia, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego vén de cumprir 28 anos tendo apoiado uns 200 proxectos en máis de trinta países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.