A consellería do Mar poñerá en marcha unha nova campaña do Bono Peixe

1 minutes read

A Xunta continúa traballando no impulso de medidas que permitan fomentar o consumo dos produtos pesqueiros entre a cidadanía dado a complexidade do contexto actual de progresivo descenso. Así a conselleira do Mar, Marta Villaverde, tivo un encontro de traballo con representantes das principais cadeas de distribución e comercialización, principais provedores destes alimentos entre a cidadanía, coa finalidade de abordar as medidas para incentivar a presenza do peixe, marisco e conservas na cesta da compra dos consumidores.

Marta Villaverde, acompañada pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Patricia García, tratou os avances na tramitación do Bono Peixe cos responsables de algunhas das principais de empresas de distribución como Velgasa-Eroski, Alcampo, El Corte Inglés, Carrefour, Gadisa e Froiz. Así, a xuntanza serviu para facer seguimento da implantación dos sistemas para o seu funcionamento nestes establecementos, cuxa posta en marcha está prevista nas vindeiras semanas. Esta iniciativa, que impulsa o Goberno galego, está dotada con 2,5 millóns de euros e chegará a 50.000 beneficiarios mediante a distribución de bonos de 50 euros por usuario que poderán ser utilizados ao longo de 10 semanas.

Nesta liña, a titular de Mar destacou o compromiso da Xunta neste ámbito e puxo en valor accións como a campaña GALICIA SABE AMAR que xa percorreu todo o territorio galego levando o mellor sabor das rías galegas. Tamén subliñou a importancia de divulgar as excepcionais propiedades culinarias e nutricionais dos produtos pesqueiros e os beneficios para a saúde que hai detrás do seu consumo. Unha liña de traballo que permitiu situar a Galicia como a segunda comunidade con maior consumo per cápita, 5 quilos por enriba da media estatal.