A Coruña será a capital da revolución dixital grazas ao “Corunna Innovate Summit”


A Coruña converterase no referente da intelixencia artificial, o big data e a computación de alto rendemento reunindo a especialistas mundiais no congreso Corunna Innovate Summit. O evento, que terá lugar os días 16 e 17 de xuño na Fundación Barrie (C/Cantón Grande, 9), será un punto de encontro onde emprendedores e investigadores informáticos explicarán como dan vida aos produtos que simplifican e melloran as nosas vidas. Ademais, o Corunna Innovate Summit contará con relatores do nivel de Ignacio Cirac, especialista en computación cuántica e Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica en 2006; Paco Nathan, un dos maiores expertos en big data do mundo, ou o presidente do Agrupación industrial TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral. Tamén haberá espazo para o talento local. Varios membros do grupo de investigación LIDA (Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial) da Universidade da Coruña participarán nesta cita. A súa coordinadora, Amparo Alonso Betanzos, abordará nunha conferencia o potencial da Intelixencia Artificial na sustentabilidade, o medio- ambiente, enerxía e economía. O Corunna Innovate Summit está organizado por DataSpartan, unha consultora tecnolóxica co- fundada en 2015 polo tamén colaborador do grupo LIDA David Martínez, especializada en Intelixencia Artificial e Ciencia de Datos.