A Costa da Morte contará cunha base estable do Servizo de Vixianza Aduaneira no porto de Brens

3 minutes read

Despois de trinta anos de espera, a Costa da Morte por fin contará cunha base estable do Servizo de Vixianza Aduaneira no porto de Brens e cunha patrulleira que garantirá un control de toda a zona costeira entre Fisterra e Laxe, que ata o momento era un punto cego na vixilancia marítima. A zona norte estará apoiada pola Base marítima da Coruña, e contará con embarcacións tanto en Muros como en Camariñas.

Esta medida intégrase nun proceso de reorganización coordinado a nivel central e pola Delegación Especial de Galiza e pola Dirección Adxunta de Vixilancia Aduaneira do Departamento de Aduanas e Impostos Especiais, que contemplou o reforzo de medios materiais en Galicia, con especial atención á zona da Costa da Morte.

Prevese que, tras a reorganización, estean operativas no ámbito da Costa da Morte tres embarcacións: unha modelo Rodman 33 (semirríxida cabinada de 33 pés), unha modelo Rodman 101 (patrulleiro de altura de 101 pés) e unha embarcación semirríxida non cabinada. A primeira é a mesma que xa está operando en Muros; a patrulleira terá base en Brens, e a última irá para a ría de Camariñas.

Reacción política

O deputado do BNG Oscar Insua, que presentou nesta lexislatura as primeiras iniciativas no parlamento galego, ademais de canalizar a demanda no Congreso en Madrid, manifestou que “estamos moi satisfeitos co conseguido. Non foi sen tempo, pero a espera pagou a pena. Por fin o goberno do estado cumpre cunha demanda histórica da nosa comarca. Agora imos seguir traballando para que entre a funcionar canto antes a unidade administrativa, e para que traian unha patrulleira en condicións, non un barco antigo dos que rexeitan noutras bases”.
Por último, Insua declarou que “estes logros son os que fan útil ao BNG na Costa da Morte, demostran que o traballo constante e perseverante acaban tendo os seus resultados e axudan a seguir traballando por mellorar o futuro da nosa comarca”.

O PP tamén celebra a continuidade da base de Vixilancia Aduaneira de Muros xunto á nova de Cee. A deputada do Grupo Popular, Paula Mouzo Mas, amosa a súa satisfacción pola rectificación do Goberno de España ao decidir manter a base de Vixilancia Aduaneira de Muros, compatibilizándoa coa posta en marcha dunha nova base en Cee, unha decisión que responde a unha demanda que o propio PP liderou nas distintas institucións.

O coordinador comarcal do PSdeG-PSOE Costa Atlántica, Jorge Domínguez, valorou o anuncio do Goberno de España sobre a posta en marcha dunha base do Servizo de Vixilancia Aduaneira en Cee, cualificándoo como «unha demostración clara de que existe un Executivo comprometido con Galicia e coa Costa da Morte, que cumpre con feitos fronte a anos de promesas baleiras».  Domínguez subliñou que este avance «non é froito da casualidade, senón do traballo político serio, constante e coordinado», e contrapuxo esta realidade «a etapas anteriores nas que abundaban os anuncios pero faltaban resultados concretos para a comarca». Neste sentido, destacou o papel do municipalismo socialista no impulso do proxecto: «Este avance é tamén consecuencia das xestións realizadas desde os gobernos municipais socialistas, que traballaron con constancia, rigor e lealdade institucional para defender os intereses da comarca».