Alumnado do CEIP Plurilingüe A Cristina levou a voz cantante na presentación dunha nova campaña coa que o Concello de Carballo quere sensibilizar á veciñanza sobre a limpeza dos excrementos caninos. Non é a primeira vez que, en colaboración co Centro Especial de Emprego (CEE) Aspaber, que se encarga do servizo de limpeza viaria, se promove unha iniciativa enfocada á responsabilidade das persoas propietarias das mascotas, porque, como di José Varela Costa, o traballador do servizo que protagoniza o primeiro dunha serie de vídeos que se irán difundindo nos próximos meses, “a culpa non é do can”.
Despois dunha breve explicación por parte do concelleiro de Medio Ambiente e Servizos, Miguel Vales, e de que dous traballadores do servizo de limpeza relatasen o difícil que resulta recoller residuos como as cabichas, sobre todo, e as cacas, a rapazada fixo toda unha declaración de intencións e comprometeuse a exercer de embaixadora da causa: leron un manifesto no que destacaron a importancia de coidar o espazo común, corearon lemas como “Coidar o verde, recolle o que teu can perde” ou “Paseo co can, bolsa na man”, repartiron chapas con mensaxes semellantes e saíron en “manifestación”, con pancartas incluídas, para reivindicar o seu dereito a xogar en parques e beirarrúas libres de sucidade.
O alcalde, Daniel Pérez, animou aos nenos e nenas a divulgar a mensaxe e a converterse en embaixadores dun concello cada día máis limpo. “Queremos un Carballo máis sostible, e a mellor forma de conseguilo é implicando aos máis mozos como embaixadores do respecto polas nosas rúas e parques”, sinalou.
Tanto os responsables municipais coma o persoal do servizo de limpeza agradeceron a implicación do centro escolar, e destacaron que a educación dos máis novos é a ferramenta máis eficaz para lograr un Carballo máis sostible e habitable para todos.