A delegada da Xunta na Coruña visitou as obras de mellora da Casa de Cultura da Laracha

4 minutes read

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo,  acompañada polo alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, visitou este martes a Casa de Cultura na que se levaron a cabo obras para mellorar a súa accesibilidade cun apoio da Xunta de 10.000 euros recibidos a través das axudas, en concorrencia competitiva,  para modernizar e acondicionar espazos de xestión municipal como son bibliotecas, axencias de lectura ou auditorios, entre outros da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. O investimento total da actuación en colaboración co Concello foi de máis de 23.300 euros.

Belén do Campo lembrou que este Concello recibiu tamén unha achega de máis de 1.500 euros do programa de subvencións para a dotación de novidades editoriais en galego, outra de case 2.500 para a mellora das súas colección bibliográficas e máis de 2.400 euros para dinamización da lectura en bibliotecas públicas ou axencias de lectura o que eleva os apoios directos desta Consellería a case 16.400 euros.

A representante do Goberno autonómico destacou que a Casa da Cultura é un espazo de referencia que acolle unha ampla variedade de actividades culturais e que presta servizo aos 11.623 habitantes do municipio.  En relación coa actuación explicou que a obra realizouse para mellorar as condicións do edificio, especialmente na planta soto, onde se detectara a necesidade de acometer actuacións de mantemento e conservación.

Entre as actuacións executadas destacan a renovación do espazo escénico mediante o pintado en cor negra dos paramentos, teitos, rieles e estrutura da pantalla con pintura acrílica satinada e lavable, o que contribúe a optimizar as condicións técnicas do escenario. Ademais, procedeuse á adquisición e instalación de novo equipamento de son e iluminación, incluíndo unha mesa de mesturas dixital, un caxetín dixital e tres focos de iluminación.

Un dos elementos máis salientables da intervención é a incorporación dunha plataforma vertical móbil de curto percorrido no escenario do auditorio, unha solución que mellora significativamente a accesibilidade. Este dispositivo permite ás persoas usuarias superar as diferenzas de altura de maneira autónoma, garantindo así a igualdade de acceso e a inclusión.

Grazas a estas actuacións, a Casa da Cultura da Laracha reforza a súa funcionalidade e capacidade para acoller eventos, contribuíndo a ampliar e consolidar a oferta cultural do municipio. Os traballos están xa completamente rematados, cumprindo coas previsións establecidas na memoria xustificativa presentada.

A delegada destacou a importancia de seguir investindo en equipamentos culturais como motor de cohesión social e dinamización local, subliñando o compromiso da Xunta coa mellora da calidade de vida da cidadanía.

A delegada da Xunta lembrou que en Galicia se melloraron, o ano pasado, 37 infraestruturas, cun orzamento de 500.000 euros. Na provincia da Coruña contaron con estes apoios 20 municipios por un importe de máis de 181.000 euros e na comarca de Bergantiños Costa da Morte beneficiaronse destas axudas 5 concellos de Cee, Corcubión, Muxía, Zas e A Laracha, por un importe de preto de 71.000 euros.

Nova orde 2026

Durante a visita a representante do Goberno autonómico lembrou que a Xunta de Galicia destina outros 500.000€ no 2026 para colaborar cos concellos na mellora dos seus espazos culturais. O prazo para solicitar estas achegas estará aberto ata o 30 de abril e teñen como obxectivo  para modernizar e acondicionar espazos de xestión municipal como son bibliotecas, axencias de lectura ou auditorios, entre outros.

Trátase dunhas axudas enmarcadas no compromiso da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude co mantemento nas mellores condicións das unidades culturais de todo o territorio, garantindo o acceso á cultura de todas as persoas en consonancia co plan de modernización das infraestruturas culturais publicas e da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia.

Así, desde o Goberno galego preténdese dotar dos medios necesarios aos concellos comprometidos coa acción cultural para que poidan executar os seus programas en condicións óptimas e en espazos adecuados velando polo servizo público que prestan á cidadanía. Deste xeito, poderán solicitar estas achegas os concellos interesados en adquirir equipamento e moblaxe para locais; naa realización de obras de reforma, ampliación, modernización ou mellora de inmobles, así como na adquisición de materiais técnicos vinculados ao desenvolvemento da programación cultural.

As subvencións, que poderán ser de ata 30.000€, tamén se poderán destinar a investimentos en equipamento escénico, audiovisual, de iluminación e son. Inclúese a instalación de sistemas de prevención e seguridade, as accións encamiñadas á mellora da accesibilidade, como a supresión de barreiras arquitectónicas, e medidas de eficiencia enerxética dos edificios.