A Deputación da Coruña e Camariñas traballan xa na Mostra do Encaixe de 2026

2 minutes read

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, asinaron o convenio de colaboración para o financiamento da 34ª edición da Mostra do Encaixe Deputación da Coruña, celebrada no mes de abril de 2025, un acordo que concreta o compromiso da Deputación co evento e que marca xa o inicio do traballo conxunto de cara á edición de 2026, coa vontade de seguir mellorando unha cita de referencia internacional.

A Deputación apoia a celebración do evento con 120.000 euros, algo máis do 70% do investimento total, que ascende a 170.795 euros. A contía restante está financiada con fondos propios polo Concello de Camariñas.

A Mostra do Encaixe Deputación da Coruña conta co apoio da institución provincial desde hai máis de tres décadas e consolidouse como un dos grandes eventos culturais e turísticos de Galicia, situando Camariñas e a Costa da Morte no mapa mundial da artesanía, da moda e do deseño cada Semana Santa.

Valentín González Formoso salientou que o respaldo da Deputación «é unha aposta firme e continuada por un evento que define a nosa identidade e que combina tradición, cultura, innovación e desenvolvemento económico». O presidente provincial subliñou que o compromiso da institución provincial «é permanente e xa estamos a traballar xunto á alcaldesa e ao Concello de Camariñas na Mostra de 2026 para facela aínda mellor».

A Deputación da Coruña considera a Mostra do Encaixe un exemplo de como o patrimonio cultural pode converterse nun motor de economía local e turismo sostible, xerando oportunidades e mantendo vivo un saber artesanal único. Neste sentido, a colaboración institucional permite reforzar contidos, mellorar a programación e seguir impulsando a proxección internacional do encaixe de Camariñas.

Pola súa banda, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, destacou que «a cooperación coa Deputación é clave para garantir a estabilidade e o crecemento da Mostra», e agradeceu «o compromiso continuado da Deputación cun evento que se ten consolidado como unha referencia no seu ámbito nas últimas décadas». Insua incidiu en que o obxectivo é «seguir mostrando ao mundo o traballo das palilleiras, apoiar o talento novo e facer da Mostra un espazo cada vez máis atractivo e ambicioso».