O PSdeG esixe á Xunta unha resposta urxente ao deterioro da sanidade na Costa da Morte

2 minutes read

A deputada socialista Patricia Iglesias advertiu de que a realidade diaria da veciñanza desta zona é cada vez máis complicada, sinalando que “todos os que viven na Costa da Morte saben que conseguir unha cita no médico de cabeceira, facer unha analítica ou ir ao pediatra pode levar días, e cando chegas, as consultas están saturadas e os profesionais ao límite”.

Iglesias puxo o foco tamén na falta de recursos clave, denunciando que “nalgunhas zonas non hai pediatra” e que a comarca continúa sen unha ambulancia medicalizada “que garanta unha resposta rápida ante unha emerxencia sanitaria”.

Neste contexto, cualificou de “hipocresía” a postura do Partido Popular, ao lembrar que “vota a favor desta ambulancia nos concellos, pero rexeita esta proposta no Parlamento de Galicia hai escasas semanas”, evidenciando “dúas caras para un mesmo problema: moitas promesas pero poucas solucións no Sergas”.

A iniciativa presentada polos socialistas recolle tamén o malestar social existente, reflectido nas mobilizacións cidadás dos últimos meses en defensa da sanidade pública na Costa da Morte, que evidencian unha demanda clara da veciñanza: reforzar os recursos sanitarios e garantir unha atención accesible e de calidade.

Neste sentido, o PSdeG puxo en valor o traballo desenvolvido en concellos como Carballo, Malpica, Coristanco, Zas, Fisterra e Ponteceso, onde, por iniciativa socialista, se aprobaron propostas a prol da dotación dunha ambulancia medicalizada, amosando un amplo consenso institucional arredor desta demanda.

Pola súa banda, o coordinador da Costa Atlántica, Jorge Domínguez Castro, incidiu en que “é imprescindible que a Xunta actúe de maneira inmediata para corrixir as deficiencias actuais e garantir unha sanidade pública digna para a veciñanza de Bergantiños e da Costa da Morte”. Ademais, subliñou que as mobilizacións cidadás “evidencian unha demanda clara: máis recursos, menos demoras e unha atención de calidade”.

O PSdeG insiste na necesidade urxente de dotar ás comarcas dunha ambulancia medicalizada que permita reducir os tempos de resposta ante emerxencias e asegurar unha atención en condicións de igualdade co resto do territorio galego.

Os socialistas reclaman, en definitiva, un reforzo inmediato da Atención Primaria, con máis profesionais, a redución das demoras e a posta en marcha dun plan específico e calendarizado que dea resposta ás necesidades reais da cidadanía destes territorios.