A elite do xadrez galego congrégase en Carballo durante a ponte

2 minutes read
  • O torneo celebrarase do 6 ao 8 de decembro, e repartiranse 1.500 euros en premios

O III Aberto de Xadrez Clásico fará de Carballo a capital galega do xadrez durante a ponte da Constitución. A competición, organizada polo club O Toque Xiria co patrocinio do Concello de Carballo e a Deputación da Coruña, reunirá os días 6, 7 e 8 de decembro á elite do xadrez galego e mesmo a xadrecistas de referencia no norte do Estado, como destacou o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, na presentación do torneo. No acto, que se celebrou este luns na Casa do Concello, participaron tamén Óscar de Prado e Javier Teixeira, en representación de O Toque Xiria, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.

Óscar de Prado engadiu que o III Aberto de Xadrez terá entre 50 e 60 participantes “de calidade”. De feito, indicou que “moitos veñen buscar o ELO Internacional”. O torneo celebrarase no Espazo Xove, situado na rúa Valle Inclán, e constará de seis rondas con partidas de 90’+30’’. En total repartiranse 1.500 euros en premios.

Tanto Óscar de Prado coma Javier Teixeira destacaron o crecemento que está a experimentar o xadrez no municipio de Carballo nos últimos anos. O concello tamén forma parte do Circuíto de Xadrez Portus Apostoli xunto con Noia, Val do Dubra, A Pobra do Caramiñal e A Coruña. Ademais, Carballo tamén será a sede dos campionatos provinciais, que se disputarán os días 11, 12, 19 e 20 de xaneiro, e nos que se outorgará unha praza para os galegos.

De cara ao ano 2020 son moitos os proxectos en mente, pero un dos máis importantes é incluír este Aberto de Xadrez Clásico no Circuíto galego de xadrez de partidas lentas. “Queremos darlle un impulso e estamos facendo as xestións para poder organizar un torneo de sete ou oito días na segunda quincena de xullo”, sinalou Javier Teixeira. O obxectivo é dar “un salto de calidade” e seguir reforzando o xadrez en Carballo.