A Festa do Pulpo do Carballiño presenta a súa 63ª edición na Casa de Galicia en Madrid

1 minutes read

A Casa de Galicia en Madrid acolleu este xoves a presentación oficial da 63ª edición da Festa do Pulpo do Carballiño, unha das grandes citas gastronómicas do verán galego, declarada de Interese Turístico Internacional. O acto estivo presidido polo director da entidade, Luis E. Ramos, que estivo acompañado por; Jasé Manuel Dacal, concelleiro de turismo e José Castro, tenente alcalde do Carballiño; Davide Iafelice, concelleiro e Marcello Bano, alcalde de Noventa Padovana (Italia).

Na súa intervención, o director da Casa subliñou que “o polbo é unha das sinais de identidade da gastronomía galega, cociñado e preparado dunha forma moi sinxela, converteuse nun dos produtos estrela”. Ramos engadiu ademais que “con esta feira non só se pon en valor o polbo, senón tamén a nosa gastronomía, ofrecendo o mellor que temos en canto ao turismo e reforzando a marca Galicia Calidade”. Ramos salientou tamén o valor desta celebración tanto como símbolo da identidade galega como polo seu impacto turístico e cultural.

Durante o evento, os asistentes puideron presenciar unha demostración en directo da preparación tradicional do polbo á feira, a cargo dunha pulpeira profesional desprazada desde O Carballiño. A actividade permitiu trasladar ao público madrileño unha mostra auténtica do saber facer gastronómico galego.

A Festa do Pulpo do Carballiño celebrarase este ano o 10 de agosto, consolidándose como un referente da cultura popular galega, cun programa que inclúe actividades culturais, musicais e degustacións masivas deste prato emblemático da cociña galega. Esta edición ademais está dedicada á localidade italiana Noventa Padovana, que tamén celebra a súa particular Festa do Pulpo.

Desde a Casa de Galicia, e a través de actos coma este, a Xunta reafirma o seu compromiso coa difusión e apoio das festas tradicionais como elementos dinamizadores do territorio e motores de desenvolvemento económico e turístico.