A Fundación Amancio Ortega destinará 280 M€ á compra de equipos contra o cancro


O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, presidiu a firma do Plan de Colaboración na Implantación da Protonterapia no Sistema Nacional de Saúde, que permitirá dotar á sanidade pública de 10 unidades de protonterapia, unha técnica avanzada que é clave na curación de moitos tipos de cancro, especialmente o infantil, e que mellora a calidade de vida de miles de pacientes.

O convenio, asinado coa Fundación Amancio Ortega, foi rubricado pola ministra de Sanidade, Carolina Darias; pola vicepresidenta primeira da Fundación Amancio Ortega, Flora Pérez Marcote, e polos representantes das comunidades autónomas onde se instalarán estas novas infraestruturas: País Vasco, Cataluña, Galicia, Andalucía, Comunidade Valenciana, Madrid e Canarias.

Este convenio permitirá “dar resposta ás necesidades presentes e futuras da poboación española e, ao mesmo tempo, facilitará a investigación clínica e o desenvolvemento tecnolóxico relacionado con este tipo de tratamento”, afirmou Pedro Sánchez.