O sábado 7 de novembro, ás 12:00 horas, a Galería Manolo Eirín de Carballo inaugurará a exposición colectiva «Seis menos un». Este proxecto artístico presenta a obra e a visión creativa de catro artistas os escultores Álvaro de la Vega e Enrique Saavedra Chicheri, a fotógrafa María Meseguer e o artista Luis García (de Carballo), co acompañamento musical de Mariajo.
A exposición propicia un diálogo entre diversas disciplinas e linguaxes artísticas, onde a escultura e a fotografía interactúan para ofrecer aos visitantes unha experiencia visual diversa e única.
Un dos grandes atractivos da mostra é unha peza de Luis García: unha reprodución a tamaño real do icónico Guernica de Pablo Picasso, realizada integramente en aceiro. Esta reinterpretación dunha das obras mestras máis universais da historia da arte traslada ao metal toda a forza simbólica e expresiva do orixinal.
Xunto con esta obra, os visitantes poderán contemplar as achegas escultóricas de Álvaro de la Vega e Enrique Saavedra Chicheri, así como a fotografía de María Meseguer; un percorrido por diferentes formas de concebir e expresar a creación artística contemporánea.
Con «Seis menos un», a Galería Manolo Eirín reúne diversas sensibilidades e perspectivas creativas baixo un mesmo teito, consolidándose como un punto de encontro para os amantes da arte e da cultura.
