‘Agasalla comercio local, ten premio’ | 15.000 euros en bonos e agasallos na Laracha

2 minutes read

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela; a concelleira de Promoción Económica, Rocío López; e a axente de emprego e desenvolvemento local, Ana Carmen Jiménez, presentaron a cuarta edición de ‘Agasalla comercio local, ten premio’, a campaña dirixida a incentivar as compras nos establecementos e servizos do municipio durante as datas previas ao Nadal e nas propias Festas. A iniciativa contará con 15.000 euros en bonos de desconto, ademais de agasallos achegados voluntariamente polos negocios participantes e o sorteo final de tres experiencias entre as papeletas non premiadas.

O funcionamento será sinxelo e similar ao dos anos precedentes: por cada 10 euros de compra nos establecementos adheridos, os clientes recibirán unha tarxeta rasca e gaña. Entre elas distribuiranse 1.500 bonos de 10 euros que poderán descontarse nas compras realizadas nos negocios participantes. Tamén haberá tarxetas premiadas con agasallos que sexan achegados polos propios establecementos participantes. As tarxetas que non obteñan ningún destes premios directos terán unha segunda oportunidade, xa que poderán participar no sorteo de experiencias cultural, turística e gastronómica.

O alcalde, José Manuel López Varela, destacou que esta iniciativa ponse en marcha para aproveitar o período de maior actividade comercial do ano e conseguir que as compras propias desas datas repercutan directamente na economía local. “Queremos animar aos veciños a que fagan no comercio local tanto as compras habituais como as excepcionais do Nadal. Apostar polo local é apostar por crear riqueza no propio municipio, algo que beneficia a toda a sociedade”, sinalou.

Pola súa banda, a concelleira de Promoción Económica, Rocío López, animou tanto aos negocios como á veciñanza a implicarse nesta cuarta edición, e lembrou que a participación dos establecementos medra ano tras ano. A edil puxo en valor os 15.000 euros destinados polo Concello aos bonos e a colaboración dos comercios que achegan agasallos e permiten ampliar os atractivos da campaña para favorecer que o consumo reverta no propio tecido económico da Laracha.

‘Agasalla comercio local, ten premio’ está aberta a todos os negocios con establecemento aberto ao público no termo municipal. Ademais das tendas de comercio tradicional, poderán adherirse cafeterías, salóns de peiteado, taxistas, etc.

O prazo de inscrición abrirá nos próximos días, unha vez publicadas as bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP), e permanecerá aberto ata o 18 de novembro. Deberá realizarse a través do formulario habilitado na páxina web municipal do programa (https://nadal.alaracha.gal/).

Con esta iniciativa o Concello reforza as accións municipais de apoio ao comercio e aos servizos locais. ‘Agasalla comercio local, ten premio’ é a campaña específica do Nadal, que se complementa cos bonos do programa ‘Eu merco na Laracha’ que se promove durante a primavera. Ambas propostas buscan favorecer o consumo de proximidade, apoiar a actividade dos negocios e contribuír á creación e mantemento de emprego no municipio.