Alumnado do CEIP A Cristina visitou a casa do concello de Carballo

1 minutes read

A casa do concello de Carballo recibiu unha visita chea de curiosidade, preguntas e mesmo música. Un grupo de máis de medio cento de alumnos e alumnas de primeiro e segundo de primaria do CEIP A Cristina achegouse para coñecer de preto a actividade municipal e algúns dos espazos do edificio, desde as oficinas ata a torre do reloxo.

O encontro co alcalde, Daniel Pérez, e cos concelleiros Maruxa Suárez e Juan Seoane converteuse nun auténtico interrogatorio. Os nenos e nenas aproveitaron a oportunidade para formular as súas preguntas e conversar cos representantes municipais sobre cuestións do máis variadas. Un xeito de achegar a institución á infancia e de facer da casa do concello un lugar coñecido e familiar desde os primeiros anos de escola.

Despois da conversa, a visita continuou pola oficina técnica e polas dependencias da Policía Local e da Policía Nacional, nun percorrido que permitiu ao alumnado descubrir distintos servizos que se prestan á cidadanía.

Unha das paradas máis especiais foi a torre do reloxo, que neste 2026 cumpre medio século. A rapazada puido coñecer por dentro un elemento que forma parte da paisaxe cotiá de Carballo e quixo celebrar a efeméride cantándolle os parabéns. Unha felicitación moi singular para un reloxo que leva marcando o tempo da vila desde 1976.

As visitas escolares á casa do concello teñen continuidade ao longo dos anos e permiten combinar o coñecemento da administración local co descubrimento do patrimonio. A próxima cita será o 20 de novembro, cando chegará a quenda dos nenos e nenas de educación infantil do mesmo centro. A casa do concello seguirá recibindo así novas xeracións de carballeses e carballesas, coas portas sempre abertas aos centros educativos e á curiosidade da rapazada.