O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, lembrou unha gran promesa que fixo tras os incendios que asolaron ao municipio no verán de 2025. Naquel momento o goberno local asegurou que loitaría por investimentos para mellorar a protección dos seus veciños e veciñas, protexer os seus bens e recuperar o monte damnificado polo lume. Hoxe este investimento faise realidade despois do compromiso adquirido polo executivo local cos damnificados polos lumes. «Non podemos esquecer os incendios de agosto do 25. No seu día prometemos que iamos loitar por conseguir este investimento e agora é unha realidade. Protexer a poboación e o seu patrimonio é o noso obxectivo prioritario», salienta Mato.
O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, vén de visitar o comezo do acondicionamento e apertura de cortalumes en camiños rurais do municipio, unha actuación, levada a cabo polo Concello de Ponteceso, en colaboración coa empresa pública Seaga (Servizos Agrarios Galegos), e que conta cun orzamento total 215.411,43 euros.
O obxectivo desta actuación é blindar a seguridade das vivendas e bens da veciñanza, así como na reparación urxente das infraestruturas severamente danadas polos incendios forestais que sufriu a zona en agosto de 2025.
Unha das grandes vantaxes na reforma destas vías é asegurar que os medios de extinción terrestres teñan un acceso rápido e seguro no caso de futuras emerxencias, minimizando o risco de propagación forestal cara aos núcleos habitados.
Segundo Mato, os traballos consisten na reconstrución, mellora e habilitación de redes de drenaxe e capas de rodaxe nun total de 2,92 quilómetros de pistas distribuídos en tres zonas diferentes.
Por unha banda, na zona de Corme aldea, reconstruiranse dous tramos crave que suman 1.900 metros de pistas na parte alta do monte, cruciais para dar servizo tamén á contorna do parque eólico
Ademais, tamén en Corme Aldea, levaranse a caboreparacións puntuais de mantemento en cinco puntos críticos da parroquia de San Adrián de Corme que suman outros 350 metros.
E, finalmente, no Couto, na parroquia de San Tirso de Cospindo, executarase unha actuación integral, ao longo de máis dun quilómetro de lonxitude, nun camiño afectado que discorre baixo unha liña eléctrica de alta tensión, esencial para o abastecemento de augas de varias aldeas próximas.
O alcalde agradeceulle hoxe ao xefe do servizo de prevención de incendios da Coruña, Guillermo Acebal, durante a visita ao inicio das obras, a súa implicación “nun proxecto de recuperación e prevención tan importante para Ponteceso”.
A viabilidade do proxecto foi posible grazas á rápida xestión administrativa municipal e á xenerosidade dos propietarios, que permitiron actuar sobre os seus terreos, que lindan ou forman parte do trazado das pistas de Corme e O Couto. Esta implicación colectiva permitirá agora a Seaga avanzar cos movementos de terras e o despregue de maquinaria (bulldózer e retroescavadoras), cumprindo estritamente co programa de silvicultura preventiva e restauración acordado.
