O Goberno municipal de Zas anuncia a convocatoria de 180 bolsas de axuda ao estudo para o curso 2026/2027

1 minutes read

Estas subvencións están dirixidas ao alumnado de Primaria, Secundaria, FP Básica, Bacharelato, Ciclos Formativos e Universidade (agás estudos de posgrao) cuxa unidade familiar estea empadroada no municipio. O seu obxectivo é fomentar a igualdade no acceso á educación e compensar a aquelas familias que, polas súas condicións económicas, presenten maiores dificultades para afrontar os gastos derivados do curso.

Deste xeito, á hora de designar ás persoas beneficiarias, teranse en conta a situación socioeconómica do núcleo familiar, o número de membros que a conforman e os méritos académicos do alumno ou alumna candidato. Excepcionalmente, concederanse bolsas a estudantes repetidores se o contexto económico o xustifica, e poderán darse ata dúas subvencións á mesma familia en casos dunha necesidade urxente.

Esta liña de axudas contará cun investimento total máximo por parte do Concello de Zas de 29.100 euros, que se repartirán do seguinte xeito: 15 bolsas para estudos universitarios por importe de 360 euros cada unha, 31 para estudos de Bacharelato e Ciclo Superior por valor de 180 euros, 68 para estudos de ESO, FP Básica e Ciclo Medio por importe de 150 euros e 66 para estudos de Primaria por valor de 120 euros cada unha.

As solicitudes poderán realizarse de xeito presencial nas dependencias municipais ou a través da sede electrónica do Concello dende mañá, xoves 5 de novembro, ata o martes 17 de novembro.

Manuel Muíño, alcalde de Zas, asegura que “dende o Concello seguimos comprometidos coa promoción dunha política de benestar social que contribúa a paliar as diferenzas sociais e favorecer a integración no ámbito académico de todos os rapaces e rapazas, independentemente da capacidade económica da súa familia”.