A Garda Civil incautou máis de 100 quilos de marisco no termo municipal de Carballo

Foto.- Guardia Civil.

A Patrulla do Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) da Garda Civil de Arteixo en colaboración co Destacamento de Tráfico da Coruña e o Posto Principal de Carballo, incautou 100 quilos de centola, dous bogavantes e un boi de mar.
Os feitos ocorreron cando unha patrulla do Destacamento da Garda Civil de Tráfico da Coruña que se atopaba realizando un punto de verificación de alcol e drogas, detivo a un vehículo isotermo para realizarlle as correspondentes probas ao seu condutor.
Dado o comportamento nervioso que presentaba este, os efectivos actuantes procederon a examinar a zona de carga do vehículo, achando no seu interior varios capazos con centolas.
Os gardas civís solicitaron ao condutor a documentación que amparase o transporte desta mercadoría, achegando unicamente facturas dixitais que ía recibindo no terminal de telefonía móbil.
Ante a dúbida de que a documentación achegada amparase o transporte legal do marisco, os efectivos actuantes solicitaron a presenza dunha patrulla de SEPRONA.
Tras comparecer no lugar a patrulla do Seprona de Arteixo en compañía da patrulla de Seguridade Cidadá do Posto Principal de Carballo, procederon a examinar a documentación, certificando que a mercadoría carecía da documentación obrigatoria para o seu traslado.

A Garda Civil procedeu á incautación dos espécimes atopados e á confección da pertinente acta-denuncia por suposta infracción á Lei 11/2008 de pesca de Galicia.
O marisco incautado entregouse na Asociación Cristián-Benéfica de rehabilitación e reinserción de Marxinados para Galicia (REMAR).