A Garda Civil da Comandancia da Coruña, no marco das accións preventivas, propuxo para sanción a 5 persoas por incumprir as restricións de seguridade nunha época de alerta máxima por risco de incendio forestal.
O primeiro dos feitos ocorreu cando a patrulla do Seprona de Corcubión que se atopaba realizando un servizo de vixilancia de montes para a prevención dos incendios forestais, observou unha columna de fume nunha masa forestal próxima á localidade de Fadibón, no termo municipal de Cee.
Tras localizar o punto exacto da columna, os gardas civís actuantes dirixíronse ao lugar, ao chegar observaron que se trataba dunha queima de restos agrícolas nunha leira particular rodeada de masa forestal, moi próxima ás vivendas da mencionada localidade e sen ningún medio de extinción cerca, co consecuente risco ao ocorrer nun día cun Índice de Risco Diario de Incendio forestal (IRDI) moi alto.
O segundo dos feitos ocorreu tras recibir unha alerta telefónica informando da presenza dunhas persoas realizando un lume para unha grellada no Paseo Fluvial do Río Entíns no termo municipal de Outes
Trasladada unha patrulla do Posto de Outes ao lugar comprobou que se trataba dunha familia de 4 membros que se atopaban realizando un lume para facer unha grellada.
En ambos os casos a Garda Civil procedeu á identificación dos responsables e á confección da correspondente acta denuncia por suposta infracción grave á Lei 7/2012 de montes de Galicia, obrigándolles a apagar o lume.
O importe económico destas infraccións oscila entre 1.001€ e 1.000.000€. A Garda Civil lembra a importancia da concienciación e a colaboración para previr incendios.
Nun contexto de risco extremo, o uso de lume contravindo as prohibicións existentes pon en perigo tanto a contorna natural como a seguridade das persoas.
As autoridades fan un chamamento á colaboración cidadá, se é testemuña dalgunha actividade ilícita que poida provocar un incendio, non dubide en contactar coa Garda Civil a través do teléfono de emerxencias 062.