O Concello de Muxía e a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia veñen de formalizar o convenio de colaboración que permitirá facer realidade a mellora da iluminación do campo municipal da Arliña, unha actuación longamente demandada polo tecido deportivo de Muxía e que leva máis de dúas décadas agardando por unha solución.
A actuación contará cun investimento total de 115.207,64 euros, dos que 100.000 euros serán financiados pola Xunta de Galicia, mentres que o Concello de Muxía achegará 15.207,64 euros de recursos propios.
A obra permitirá dotar ao campo da Arliña dun sistema de iluminación adecuado ás necesidades actuais, mellorando as condicións para o desenvolvemento das actividades deportivas e para o uso das instalacións por parte dos clubs, deportistas e entidades deportivas do municipio.
A concelleira de Deportes, Sandra Vilela, puxo en valor a importancia de que unha reivindicación histórica do deporte muxián estea finalmente a piques de converterse nunha realidade.
“Para min é un orgullo poder levar a cabo esta inversión. Sei que é unha actuación fundamental para o bo desenvolvemento das actividades deportivas do Concello de Muxía e, sobre todo, sei o que significa para todas esas persoas que levan tantos anos demandando unha iluminación digna para o campo da Arliña”.
Vilela destacou tamén o traballo realizado para conseguir que o proxecto puidese avanzar e materializarse:
“Durante moitos anos escoitamos que esta obra era inviable, que non se podía facer ou que quedaría sempre pendente. Hoxe os feitos demostran que, cando hai vontade, se traballa, se buscan solucións e se presentan proxectos serios, as cousas poden saír adiante. O traballo deu os seus froitos e esta inversión é hoxe unha realidade”.
A responsable municipal de Deportes quixo agradecer especialmente o compromiso da Xunta de Galicia con Muxía e, de maneira expresa, ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, polo apoio prestado para facer posible esta actuación.
“Quero agradecerlle especialmente ao conselleiro Diego Calvo o seu compromiso con Muxía e coa mellora das nosas instalacións deportivas. Cando desde un concello se presentan proxectos serios, ben traballados e necesarios para os veciños, atopar a colaboración doutras administracións é fundamental. Neste caso, a Xunta de Galicia volve demostrar o seu compromiso con Muxía”.
Desde o Concello destacan que esta actuación se suma ás distintas inversións e liñas de colaboración impulsadas pola Xunta de Galicia en Muxía nos últimos anos, reforzando a colaboración entre ambas administracións para atender necesidades e proxectos importantes para o municipio.
Pola súa banda, o alcalde de Muxía, Javier Sar, agradeceu tamén o apoio da Administración autonómica:
“Esta actuación é unha moi boa noticia para Muxía e, especialmente, para o noso tecido deportivo. Quero agradecer á Xunta de Galicia a súa colaboración e o compromiso demostrado para que unha demanda que levaba tantos anos sobre a mesa poida finalmente facerse realidade. Desde o Concello seguiremos traballando para mellorar as instalacións e os servizos que ofrecemos aos nosos veciños”.
A iluminación do campo da Arliña supón así dar resposta a unha reivindicación histórica do deporte muxián, cunha actuación que permitirá mellorar as condicións de práctica deportiva e avanzar na modernización das instalacións municipais.
Máis de vinte anos despois, a iluminación da Arliña deixa de ser unha promesa e pasa a ser unha realidade.
