A información pública o proxecto actualizado de prolongación da autovía da Costa da Morte

2 minutes read

A Xunta somete a información pública o proxecto actualizado da prolongación da autovía da Costa da Morte, a AG-55, no treito entre Santa Irena, no concello de Vimianzo, e a estrada AC-432. Nesta actuación a Administración autonómica prevé un investimento de 36,4 M€.

O obxectivo desta prolongación, cuxa información pública sae este venres anunciada no Diario Oficial de Galicia e se estenderá ata o 12 de agosto, é darlle continuidade ao tramo de autovía da Costa da Morte entre Carballo e Baio, en servizo desde o ano 2016, con case 28 quilómetros libres de peaxe que comunican os concellos de Carballo, Coristanco, Cabana de Bergantiños, Zas e o termo municipal de Vimianzo, ata Santa Irena.

O novo tramo terá unha lonxitude de 5,5 km, ata a intersección coa AC-432, que comunica Vimianzo e Camariñas. O proxecto inclúe a construción no treito de 2 enlaces e a previsión dun terceiro, 3 viadutos, 6 pasos superiores, 3 pasos inferiores e 6 obras de drenaxe.

Como explicou a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, a estrutura máis singular será o viaduto sobre o río Vimianzo, que permitirá o cruzamento do viario sobre esta contorna, entre os puntos quilométricos  7,005 e 7,249.

O Goberno galego prevé aprobar definitivamente no vindeiro mes de setembro e licitar a obra antes de que remate o ano.

Martínez Allegue subliñou o compromiso da Xunta coa comarca e cunha Galicia “vertebrada, ben comunicada e cunhas infraestruturas sostibles e seguras” e destacou que a actuación permitirá incrementar a rede viaria autonómica de alta capacidade para mellorar as conexións viarias da Costa da Morte, “dentro da aposta da Xunta por esta comarca e o seu dereito a unha conexión e mobilidade segura”, como xa avanzou esta semana en intervención parlamentaria.

A conselleira lembrou que a prolongación da AG-55 é posible grazas ao esforzo inversor da Xunta en materia de infraestruturas “para seguir aumentando o número de quilómetros de vías de alta capacidade titularidade autonómica”.