A IX Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose de Zas bate récords con 49 propostas presentadas

3 minutes read

O Concello de Zas pechou o período de inscricións na IX Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose cun resultado histórico, rexistrando un total de 49 obras presentadas por compañías chegadas de toda Galicia. Trátase da cifra máis alta rexistrada nas nove edicións do certame.

Este éxito de participación confirma a consolidación da Mostra como unha das principais citas do teatro afeccionado galego, reunindo propostas moi diversas tanto na súa procedencia como nos estilos e xéneros escénicos. Nunca antes se recibiran tantas propostas, o que evidencia o crecente interese das compañías por formar parte desta iniciativa cultural.

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, valorou moi positivamente a resposta desta convocatoria: “Estamos moi satisfeitos coa acollida desta novena edición, que bate todos os récords de participación. Recibir 49 propostas é un indicativo claro do interese que esperta esta Mostra en todo o país e do bo momento que vive o teatro afeccionado galego”.

O rexedor quixo agradecer “o esforzo de todas as compañías participantes e destacar que, unha vez máis, Zas convértese nun punto de encontro fundamental para a cultura e as artes escénicas”.

Gran variedade de propostas e xéneros

En canto á procedencia das obras, destaca a ampla representación territorial. A cidade da Coruña encabeza a lista con sete propostas, seguida de Ourense con seis e Vigo con catro. Santiago de Compostela suma tres obras, mentres que localidades como Cambre, Arteixo, Pontevedra, Lugo ou Nigrán contan con dúas propostas cada unha. O resto das candidaturas chegan de concellos como Barco de Valdeorras, Ortigueira, O Carballiño, Carballo, Mugardos, Barreiros, Palas de Rei, Bergondo, Corcubión, Vilagarcía de Arousa, As Pontes de García Rodríguez, Foz, Barrañán, Cuntis, Ferrol, Santa Comba, Narón, O Porriño ou Vilanova de Arousa, entre outros, o que amosa unha participación moi repartida por todo o territorio galego.

No relativo aos xéneros, a comedia volve ser a gran protagonista, representando case a metade das propostas (46,94%), con 23 obras. A ela súmanse outras variantes como a comedia musical, a comedia social, a comedia negra ou a comedia de enredo. O drama tamén ten un peso importante, con sete propostas (14,29%), mentres que outros xéneros como a traxicomedia, o teatro histórico, o infantil, o esperpento ou os monólogos completan a variada oferta. Tamén se rexistran propostas híbridas que combinan elementos diferentes, así como pezas máis singulares como dramas fantásticos ou misteriosos.

Entre as compañías participantes hai tanto grupos que repiten a súa presenza tras participar en edicións anteriores como outros que se presentan por primeira vez á Mostra, contribuíndo así a renovar e ampliar o abano de propostas.

Sobre a variedade de propostas, o alcalde, Manuel Muíño, subliñou que “garante unha edición moi rica e plural, o que sen dúbida elevará a calidade da programación final. Agora comeza un proceso de selección complexo, pero confiamos en ofrecer ao público unha Mostra á altura das expectativas”.

Desenvolvemento da Mostra

Unha vez rematado o prazo de presentación, ábrese agora a fase de avaliación. O xurado será o encargado de seleccionar as cinco obras que formarán parte da programación oficial da IX Mostra, así como tres propostas de reserva.

As representacións desenvolveranse os sábados 23 e 30 de maio, e 6, 13 e 20 de xuño, mentres que o 27 de xuño terá lugar o acto de clausura e entrega de distincións.