A Laracha acollerá unha acción formativa orientada á mellora das competencias dixitais da cidadanía

1 minutes read

Trátase do curso “Técnicas e ferramentas dixitais. B.2”, que será organizado polo Concello coa colaboración da Estratexia de Inclusión de Carballo e impartido por Ecca Social coa colaboración da Xunta de Galicia e o cofinanciamento do Fondo Social Europeo Plus (FSE+).

A actividade está dirixida á poboación en xeral e desenvolverase entre o 25 de maio e o 17 de xuño na aula de informática situada no segundo andar do Edificio Administrativo da Laracha. As sesións celebraranse en horario de tarde, de 16:00 a 20:00 horas, cunha duración total de 70 horas. Ao remate, entregarase un certificado de participación ás persoas asistentes.

O curso ten como obxectivo facilitar coñecementos prácticos sobre o uso das ferramentas dixitais máis habituais, contribuíndo así á adquisición de habilidades útiles para a vida cotiá, a comunicación e a realización de trámites en liña.

Entre os contidos previstos inclúense conceptos básicos de informática e ferramentas dixitais, o uso de redes sociais e aplicacións, a realización de trámites online e o manexo da plataforma Drive.

As persoas interesadas en participar poden formalizar a súa inscrición ata o 21 de maio no Edificio Administrativo da Laracha, de xeito presencial, ou chamando ao teléfono 981612811.