A Laracha | Acordo unánime en case todas as cuestións tratadas no pleno

2 minutes read
  • A sesión comezou coa lectura dunha declaración institucional en apoio ao mantemento na Coruña do Centro de Operacións de Redes de Naturgy

A Laracha celebrou este venres un pleno ordinario onde a maior parte dos asuntos foron aprobados por unanimidade dos tres grupos municipais. A sesión comezou gardando dous minutos de silencio (un en memoria das vítimas da violencia de xénero e outro en recordo dos falecidos pola covid-19) e coa lectura dunha declaración institucional en apoio ao mantemento na Coruña do Centro de Operacións de Redes de Naturgy.

No referido aos puntos do día, acordouse solicitar unha subvención á Deputación da Coruña para o proxecto de humanización e mellora da rúa José Manuel Ferreira Penedo. A actuación suporá un investimento de 100.000 euros a cofinanciar con fondos provinciais e municipais. Tamén houbo unanimidade na proposta de cambio de nome de dúas rúas de Paiosaco. Así, a rúa Feal pasará a denominarse Fernando Álvarez de Sotomayor e a rúa Rabadeira, Isidro Parga Pondal.

Por outra banda, deuse luz verde ao suplemento de crédito por un importe total de 128.500 euros, a financiar co remanente líquido de tesourería, para afrontar os gastos derivados dos plans de axudas ao sector comercial. O acordo unánime repetiuse na aprobación da modificación do estudo de detalle da parcela que alberga o centro de día e fogar residencial públicos da Laracha, co fin de adecuar os parámetros urbanísticos ás determinacións do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Por último, aprobáronse tres mocións. Unha delas referida a trasladar ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a necesidade de priorizar o despregamento das redes de banda larga de internet e de telefonía nos núcleos de poboación do municipio. As outras dúas repártense entre a posta en marcha de iniciativas para previr a ludopatía, sobre todo entre a xuventude, e o rexeitamento da proposta do Goberno de España de cobrar polo uso das autovías.